A UCO di que a trama de hidrocarburos gastou un millón de euros para influír en Ábalos e comproulle un chalé
A UCO di que a trama de hidrocarburos gastou un millón de euros para influír en Ábalos e comproulle un chalé
Un millón de euros para influír en Ábalos e koldo e entre os pagos, un chalé adquirido por 585.000 euros para facilitar unha licenza empresarial
O informe atribúe ao asesor Koldo García e ao empresario Víctor de Aldama un papel clave na operación
A UCO di que a trama de hidrocarburos tamén se infitrou nos ministerios de Industria e no de Transición Ecolóxica
Arquivo. José Luis Ábalos. EUROPA PRESS
A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil sostén que a trama de fraude no sector dos hidrocarburos que investiga a Audiencia Nacional e pola que está investigado Víctor de Aldama tería gastado un millón de euros para influír no empresario, no exministro José Luis Ábalos e no seu exasesor Koldo García.
Así se desprende do último informe achegado polo Instituto Armado ao xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz. Os axentes sosteñen que a organización criminal dirixida por Claudio Rivas dispuxo desa cantidade de diñeiro para aboar contraprestacións económicas ilícitas.
Parte dese millón de euros destinouse á compra dun chalé en Cádiz previamente elixido por Ábalos
O ministro dispuxo materialmente da vivenda, desfrutouna e mesmo tentou o seu aproveitamento económico, todo baixo a cobertura formal dun contrato de arrendamento instrumentalizado do que non se abonaron as cotas, salvo a primeira mensualidade e a fianza, apunta o informe.
A adquisición do inmoble produciuse tras un proceso de busca dunha propiedade que se axustase ás preferencias persoais do ministro. Nese proceso interveu activamente o seu asesor Koldo García, que intercambiara anuncios de propiedades con Ábalos.
Nunha data que coincide coa segunda reunión dos presuntos líderes da trama no Ministerio de Industria e Turismo, Koldo reenviou a De Aldama a ligazón da oferta de venda da Alcaidesa, o que evidencia que foi a escollida polo ministro.
“Foi coller a casa e premer no botón”
Segundo a UCO, o empresario actuou como intermediario entre o ministro e a organización criminal e iniciou as xestións necesarias para adquirir a vivenda. O 17 de xuño de 2021, Claudio Rivas, convencido de que obterían a autorización de operador maiorista, puxo á disposición do ministro esa propiedade.
A Garda Civil indica que o entorno da trama percibiu a correlación entre a compra da casa e a convicción de obter a autorización como unha relación directa de causa-efecto. Esa idea quedou reflectida nunha conversa incorporada ao informe.
“Fillo de puta o putañeiro. Foi coller a casa e premer no botón”, díxolle a empresaria Leonor González á súa parella Natán González.
Diñeiro para activar a De Aldama
Parte do millón tamén foi parar a Víctor de Aldama, que percibiu 292.416,66 euros procedentes da mercantil Have Got Time, a mesma que formalizou a compra do chalé e propiedade de Rivas. Tratouse dun pagamento pola súa intermediación co ministro en favor dos intereses da organización criminal, da que acabaría formando parte.
O total fraccionouse: en xuño de 2021, cinco días despois da escritura do chalé, De Aldama recibiu 181.500 euros; un mes despois percibiu 110.916,66 euros. Ambos pagamentos disfrazáronse como prestacións de servizos entre Have Got Time e unha empresa de De Aldama.
A UCO explica que, xa integrado na trama, De Aldama acabou percibindo 925.036,95 euros.
Antes destes pagamentos, en decembro de 2020, un día antes da primeira reunión da trama no Ministerio de Industria e Turismo, De Aldama tería recibido 5.000 euros. A empresaria investigada María do Carme Pano entregoulle esa cantidade “para activar a influencia” do empresario.
Pagamentos a Koldo
O informe detalla que Koldo García acabou contratado de maneira instrumental por unha mercantil administrada por Manuel Salles e vinculada a Rivas. Ese contrato, aparentemente para un posto de consultor en seguridade e sen constancia de servizos reais, está acreditado desde o 27 de xaneiro de 2022.
En marzo de 2022, o exasesor cobrou 1.950,50 euros como nómina. Seis días despois obtivo 5.000 euros como adianto. Segundo o informe, a influencia do ministro plasmouse nas reunións e conversas que Koldo mantivo con responsables ministeriais.
Todos estes pagamentos tiñan como obxectivo conseguir para Villafuel a autorización como operador maiorista de hidrocarburos, evitando xustificar mediante declaración responsable a capitalización da empresa cos tres millóns de euros de fondos propios esixidos pola normativa.