Ábalos pide ao Supremo aprazar un mes o xuízo das máscaras por problemas informáticos
A defensa do exministro explica que lle resultou "materialmente imposible" acceder a causa porque o ordenador entra "nun bucle continuado"
O avogado engade que non tivo tempo para preparar a causa porque ten outras vistas pendentes
Ábalos e Koldo están en prisión por "risco extremo de fuga"
Imaxe de arquivo de José Luis Ábalos
O avogado do exministro Jose Luis Ábalos solicitou ao Tribunal Supremo que atrase un mes o comezo do xuízo polo caso das máscaras, previsto para o 7 de abril, porque, segundo asegura, non logra acceder ao programa informático para descargarse a causa.
Nun escrito, ao que tivo acceso EFE, o avogado Marino Turiel explica á Sala que desde que asumiu a defensa do exministro o pasado 12 de xaneiro "resultou materialmente imposible" acceder á presente causa especial a través da plataforma Horus, xa que "o computador queda pensando de forma indefinida nun bucle continuado".
Unha circunstancia, asegura o letrado, que "xa foi posta de manifesto por outras defensas e impediu ata a data o acceso efectivo á causa, o coñecemento íntegro das actuacións e, polo tanto, sequera un superficial estudo do procedemento".
Ademáis o avogado do exministro, afirma que tivo pouco tempo para preparar o xuízo porque ten vistas pendentes en marzo das que xa informou no seu momento ao tribunal, polo que "resulta materialmente imposible preparar un xuízo oral da complexidade do presente co escaso tempo que media para preparar con solvencia calquera defensa".
"Literalmente, non é posible asumir a carga de traballo nin esforzo material e mental ao que se aboca a este letrado", engade.
O Supremo fixou para o próximo 7 de abril o comezo da vista oral contra o exministro, o seu exasesor Koldo García e o comisionista da trama Víctor de Aldama, polas presuntas irregularidades en contratos de máscaras durante a pandemia.
A Fiscalía pide 24 anos para o exministro e 19 e medio para o seu exasesor, e as acusacións ata 30 anos de cárcere; para o terceiro acusado, o empresario Víctor de Aldama, solicita 7 anos pola súa colaboración co Ministerio Público tras confesar os feitos.
Ábalos e Koldo están en prisión provisional desde o pasado 27 de novembro por risco "extremo" de fuga.