Publicador de contidos

Publicador de contidos

A renuncia de Tomé á presidencia da Deputación de Lugo farase efectiva este venres

A renuncia de Tomé á presidencia da Deputación de Lugo farase efectiva este venres

Os socialistas preparan o relevo de Tomé á fronte da Deputación de Lugo, con Besteiro sen axenda pública por segundo día consecutivo

O PP insta o PSdeG a levar as denuncias por acoso sexual á Fiscalía

Arrecian as críticas a Tomé por aferrarse á acta de Deputado e a alcaldía de Monforte (EFE)
G24.gal 11/12/2025 13:41

José Tomé, aínda titular da Deputación de Lugo e acusado de acoso sexual, vai facer efectiva este venres a renuncia á presidencia desta institución provincial, onde, segundo o seu propio anuncio, conservará a súa acta coa idea de converterse a partir de agora nun deputado non adscrito. Fontes socialistas avanzaron este prazo e indicaron que, unha vez formalizada a dimisión do seu cargo, empeza o tempo de desconto para a elección dunha nova persoa para situala á fronte do organismo.

No seo do partido, como Tomé, que era o líder provincial, pediu a suspensión cautelar de militancia, iníciase un proceso orgánico que con carácter inmediato pasa pola designación dunha xestora. A proposta desta comisión parte do PSdeG pero a decisión recae en Ferraz, na dirección federal. En todo caso, a intención, engadiron as fontes consultadas, é axilizar o trámite para evitar que a organización quede organicamente paralizada.

No PSdeG, este xoves volveu imporse a lei do silencio. O secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro volveu estar sen axenda pública por segundo día consecutivo. E o resto de líderes da dirección tampouco se pronunciaron sobre o caso. O alcalde de Vigo si que apoiou a actuación tanto do PSdeG coma do PSOE. 

No aire hai aínda moitas preguntas sen resposta. A principal era se coñecían a situación das vítimas. Besteiro dixo nun primeiro momento que non tivo constancia da denuncia, pero as denunciantes insisten en que si que sabían o que estaba a pasar e non lles prestaron apoio. 

A secretaria xeral do PPdeG Paula Prado instou este xoves o PSOE a levar á Fiscalía as denuncias por acoso sexual recibidas na súa canle interna dirixidas ao ata o de agora presidente da Deputación Provincial de Lugo e alcalde de Monforte. Tras coñecerse a existencia de denuncias de acoso sexual contra el, Tomé anunciou que dimitirá como responsable deste organismo, pero que manterá o seu escano e tamén reterá a Alcaldía de Monforte de Lemos. Tomé avisou ademais de que pasará ao grupo mixto, pois pediu a suspensión cautelar da militancia ao seu partido despois de que o Órgano Contra o Acoso creado no seo deste recibise o pasado luns pola tarde a denuncia e diversos testemuños na súa contra.

Nunha conferencia de prensa en Santiago, a número dous dos populares galegos sinalou que os socialistas deberían levar todas estas cuestións á Fiscalía e detallalas, porque a esta hora seguen sen aclarar o contido. Segundo Prado, os responsables do PSOE en Galicia terían que dar explicacións e contar se eran ou non coñecedores das denuncias, porque están a manter un silencio vergoñoso ante as vítimas. Puxo o foco Prado na hipocrisía gravísima dos socialistas e insistiu en que cos casos que se están coñecendo en Galicia e no Estado, o PSOE non ten ningunha autoridade moral para falar en nome das mulleres a pesar de ser un partido que pretendía enarborar a bandeira do feminismo en exclusiva.

A secretaria xeral do PPdeG asegurou que a ela lle doe moito todo o que está a suceder no PSOE e mandou o total apoio ás presuntas vítimas. “Non é agradable”, dixo, “que o presidente dunha provincia e alcalde dun concello resulte ser a persoa que parece que descubrimos esta semana”, aínda que, con todo, admitiu que nas filas populares non sorprende.

Prado lembrou que ela mesma compartiu con Tomé condición de deputado no Parlamento galego, onde el permaneceu entre 2005 e 2011, e nesa época as súas actitudes xa non eran nada edificantes. A tamén deputada na cámara galega asegurou: "Era habitual que nos fixese comentarios inapropiados a deputadas de calquera signo político, mesmo aínda que non tivese relación próxima coa muller á que se dirixía. As súas actitudes deixan que desexar como político e como persoa”, segundo Prado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade