Xinzo de Limia convértese na capital europea das festas e recreacións históricas
A vila acolle, por primeira vez en Galicia e España, a asemblea anual da confederación europea destes eventos
Conta coa presenza de máis dunha ducia de delegacións de países como Francia, Italia, Alemaña ou Ucraína
A Festa do Esquecemento, que recrea a época romana en Xinzo de Limia, fixo este ano o seu 25 aniversario. E hoxe a vila convértese na capital europea deste tipo de eventos.
Por primeira vez en Galicia e en España, acolle a asemblea anual da confederación europea coa presenza de máis dunha ducia de delegacións de países como Francia, Italia, Alemaña ou Ucraína.
Hainas desde a época iberorromana, medievais ou napoleónicas ata contemporáneas. E estes espectáculos culturais son un pulo económico e unha alternativa ao turismo tradicional.
"Cada vila e cada cidade o que saca á rúa é a súa historia. Hoxe en día as festas e recreacións históricas son unha alternativa ao turismo tradicional", indica Antonio Madrid, o presidente da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas.
"Pechamos este ano do 25 aniversario acollendo a asemblea europea e somos capital de Europa polas festas históricas e somos capital pola Festa do Esquecemento, que seguimos loitando por ela e desexando obter ese recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia", asegura Marcos Argibay, o presidente da Asociación Cultural Civitas Limicorum de Xinzo de Limia.
En Cartaxena, por exemplo, como apunta o presidente da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, Antonio Madrid, é unha festa romana que dura dez días que atrae ao redor de 600.000 persoas. E en Lugo, di que en catro días conseguen chegar a unhas 300.000-400.000 persoas.
"Fíxate na repercusión tan grande que teñen as recreacións históricas", engade Antonio Madrid, presidente da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas.
"Están recuperando unha memoria histórica de cada localidade e iso involucra toda a veciñanza e tamén o turismo", di a presidenta da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas, Mireille Benedetti.
"O turismo descubriu unha brecha comercial e cultural que permite que haxa moito máis desenvolvemento", asegura Mario Dacosta, presidente honorario da Confederación Europea de Festas e Manifestcións Históricas.
Entre algúns proxectos novos está o de incluír Ucraína, que este ano participa por primeira vez, neste caso por videoconferencia. Na asociación española están integradas 57 festas históricas, catro elas en Galicia.