O tiburón Gastón fai vinte anos na Coruña
Á procura dunha parella para Gastón para poder reproducirse
É un dos exemplares máis queridos da Casa dos Peixes
É un dos principais atractivos do Aquarium Finisterrae e consolidouse como un dos seus habitantes máis veteranos. Mide tres metros e pesa arredor de 200 quilos. Así é Gastón, que chegou á Coruña hai xa dúas décadas.
"Viña da zona de África do Sur e pasou á Bretaña francesa, pero alí non se entendía cos outros exemplares. Tiñan continuas pelexas por mor da competencia da femia que tiñan alí", explica Antonio Vila, biólogo da Casa dos Peixes.
Pero ao chegar aquí, a súa adaptación non foi inmediata. Tivo que facerse ás temperaturas das augas atlánticas.
"Onde estaba, tíñano nunha temperatura elevada. Iso significada que nós, cando o recibísemos, tiñamos que telo un tempo a esa temperatura e despois ir baixándoa pouco a pouco para despois metelo en Nautilus no verán e, a partir de aí, coa nosa baixada típica, se fose adaptando", engade Vila.
E a súa boa adaptación fixo que quedara a vivir nesta sala Nautilus compartindo espazo cunha morea de especies que se respectan mutuamente.
Gastón, desde o minuto un, foi o gran reclamo deste acuario.
"Todo o mundo pregunta polo tiburón Gastón", asegura o biólogo.
Hoxe é o seu vinte aniversario na cidade herculina, pero non ten parella con quen celebralo.
"Con Hermosa non se entendeu. Amais, enfermou e morreu. E desde entón estamos buscándolle parella a ver se nalgún momento podemos conseguirlla e reproducilos", conclúe Antonio Vila.
Haberá que agardar para saber se finalmente Gastón atopa o amor. Abofé que sería un bo agasallo.