O alcalde de Viana do Bolo pídelle axuda á UME tras os danos das treboadas: "A paisaxe é desoladora"
O alcalde de Viana do Bolo pídelle axuda á UME tras os danos das treboadas: "A paisaxe é desoladora"
A conselleira de Infraestruturas desprazouse ás zonas arrasadas e ofreceu a axuda da Xunta para poder afrontar a reconstrución
As tormentas provocaron inundacións en Monforte
O aire frío en altura combinado co aire quente en superficie explica as treboadas destes días
O alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, foi entrevistado na Radio Galega e afirmou que tras os danos das treboadas en varias aldeas "a paisaxe é desoladora". Foi a zona cero das treboadas que sacudiron a metade oriental de Galicia e deixaron escenas de pánico.
Varias aldeas quedaron arrasadas pola forza da auga. Houbo corrementos de terra que sepultaron coches, fornos e garaxes e tiraron abaixo peches e muros. A lama chegoulles ás fiestras a moitos veciños, que quedaron ademais bloqueados, con cortes en varias estradas.
"Necesitamos a axuda da Unidade Militar de Emerxencias (UME)", asegurou o rexedor, quen chegou a comparar a situación coa vivida na DANA de Valencia.
García-Ávila mostrou o seu temor por se novas precipitacións terminan por alagar a zona, debido a que os restos acumulados impiden que a auga flúa polos regatos. Tamén alertou da situación dun das pontes da localidade, que está "totalmente" cheo de residuos e podería virse abaixo.
A pesar de todo, dixo que non hai que lamentar danos persoais, aínda que algúns veciños tiveron que ser rescatados das súas casas nos momentos de máis virulencia do temporal.
Por todo iso, desde o Concello pediuse axuda tanto á Xunta, como á Deputación e ao Gobierno de España, esperando que poidan desprazarse á zona rapidamente efectivos da UME para axudar a despexar o terreo.
Nas últimas 24 horas rexistráronse na nosa comunidade autónoma case 6.000 raios. Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais.
A conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, desprazouse ás zonas arrasadas e ofreceu a axuda da Xunta para poder afrontar a reconstrución.
Na aldea de Pradocabalos, as enchentes asolagaron as casas, tiraron muros e árbores. As riadas levaron coches por diante e mesmo destruíron unha estrada.
Por toda a aldea vense as pedras caídas das casas e valados. Unha vivenda mesmo ten un furado.
E agora que a auga se retirou, os refugallos, as pólas e os restos das construcións están esparexidas pola aldea.
O río Camba desbordouse, anegando casas e baixos e tirando muros. Nalgunhas casas son visibles as marcas da altura que alcanzou a auga.
Hoxe é o día para facer balance dos danos, visibles e cuantiosos por todo o lugar.
En Verín produciuse un rebentón térmico, un fenómeno metereolóxico extremo que ocorre de repente e que deixa choiva e vento de moita intensidade. Arrincou pólas de árbores, voaron toldos polo aire e anegáronse as rúas.
En Vilamartín aínda se estaban recuperando do trebón que caeu o domingo, cando chegou outro golpe. Unha enchente levouno todo por diante. Mesmo cortou durante horas a Nacional 120, a principal vía de comunicación da comarca.
As treboadas deixeron un regueiro de pequenas incidencias por moitas zonas da provincia de Ourense.
Rexistráronse intensas precipitacións nas zonas afectadas: Carballeda de Vadeorras acumulou nesta xornada 31 litros de auga por metro cadrado. Sober superou os 29 litros, Riós, por riba dos 27 litros e Vilamartín de Valdeorras acumulou máis de 26.
Monforte situouse nos 17,7 litros de auga por metro cadrado e Portomarín chegou a 14,6.
En Monforte, ademais, unha tromba de auga de máis dunha hora e a forte sarabiada produciron numerosos embolsamentos nas rúas da vila e problemas na rede de sumidoiros. Mesmo houbo complicacións nunha parte do hospital.
Leiro tivo a máxima temperatura do día, con 35,7 graos, e a Serra do Eixe, na Veiga, rexistrou un refacho de vento de 108 km.
A acumulación de auga na estrada obrigou a cortar no Barco o acceso á N120 por Veigamuiños.
Noutros puntos como Trives, a choiva converteu as pistas en ríos.
Hoxe volver haber aviso por tormentas. Amarelo na montaña de Lugo, na zona da Fonsagrada e dos Ancares, entre as tres da tarde e as nove da noite.