Veciños do fuxido que agrediu a exparella en Ponte Caldelas din que houbo episodios previos
Confirman que en varias ocasións escoitaron berrar a muller pedindo axuda, pero unha vez acudían, dicíalles que non pasaba nada
Sen rastro do sospeitoso, que tiña unha orde previa de busca, detención e ingreso no cárcere
Operativo de busca do home fuxido en Ponte Caldelas
A Garda Civil segue na procura do home que agrediu a súa exparella en Ponte Caldelas e escapou co seu bebé, que foi achado san e salvo ao lado da casa reitoral e do cemiterio.
Os veciños da zona amosaron a súa preocupación ante a situación que viven nas últimas horas e confirmaron que en varias ocasións previas oíron gritar a muller pedindo axuda.
Pero unha vez acudían ao seu auxilio dicíalles que non pasaba nada. Din estar tan asustados, que decidiron non saír de casa nas últimas horas ata que dean co paradoiro do home.
Contorna da casa do fuxido en Ponte Caldelas
Segundo fontes da Benemérita, os feitos ocorreron sobre as 16:30 horas deste martes, cando o home agrediu a muller, fuxindo ao monte co neno. Por iso, púxose en marcha un enorme operativo de procura, xa que "estaba en xogo a vida dun bebé".
Nel estiveron presentes un helicóptero, drons, cans de detección de persoas, "incontables" patrullas e mesmo Seprona. Horas despois, o bebé foi localizado con vida ao lado da casa reitoral, onde o deixara o home.
Este mércores continúa a busca do presunto agresor, que xa tiña unha orde de procura e detención por un caso previo