Cúmprense trinta e cinco anos do primeiro transplante de corazón feito en Galicia
Un equipo liderado polo cirurxán Alberto Juffé realizou a intervención no Chuac
Antonio Peña viviu vinte e nove anos co corazón transplantado
O Chuac alcazará en 2026 a cifra de 1.000 transplantes de corazón
Hai uns días cumpríanse trinta e cinco anos dun acontecemento transcendental na cirurxía de Galicia. O Hospital Juan Canalejo da Coruña realizaba con éxito o primeiro transplante de corazón na nosa comunidade.
O doutor Alberto Juffé chegara ao Hospital da Coruña uns meses antes coa encarga de poñer en marcha o primeiro programa de transplante cardíaco en Galicia.
O cinco de abril de 1991, Antonio Peña, de 60 anos, recibiu o corazón dun home de Valladolid falecido en accidente de tráfico.
"Non calquera quere poñer o seu corpo para facer o primeiro transplante, pero Antonio tíñao clarísimo, quería ser o primeiro", salienta o cirurxán.
Juffé lembra os aplausos no quirófano tras a intervención existosa e a mestura de emocións dun equipo consciente de que estaba facendo historia. Dez días despois, Antonio Peña saía camiñando do hospital. Viviu 29 anos transplantado.
"Era unha estrela de Hollywood. Era algo increíbel. A xente saía para velo. Era a mellor propaganda que tiña o hospital porque el ía por todos os lados moi fachendoso, dicindo que era o primeiro transplanto de Galicia".
O primeiro ano realizaron quince transplantes cardíacos. En 1997, con corenta e seis, lideraron o número de intervencións en España. A Unidade de Cirurxía Cardíaca do Chuac continúa sendo un referente nacional e internacional en transplantes.
"Agardamos cumprir os mil antes de rematar o ano, son desas cifras redondas que constitúen un fito. Ata agora só dous hospitais, Puerta de Hierro e La Fé de Valencia, que empezaron moitos anos antes, alcanzaron esa cifra de mil", relata José Cuenca, que dirixe a Unidade de Cirurxía Cardíaca do Chuac.
Cuenca dirixe o servizo desde 2009, cando marchou do hospital o doutor Juffé. Os dous aplauden a xenerosidade dos doantes, que o ano pasado ano permitiu a realización de 390 transplantes cardíacos en España.