Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trasladan ao CHUAC un paciente do hospital militar por un lume no seu cuarto

Trasladan ao CHUAC un paciente do hospital militar por un lume no seu cuarto

A policía científica abriu unha investigación para esclarecer as causas do incendio

As lapas afectaron o colchón onde estaba o único paciente que ocupaba nese momento o cuarto

Imaxe de arquivo do Hospital Abente e Lago da Coruña Imaxe de arquivo do Hospital Abente e Lago da Coruña
G24.gal 31/10/2026 12:41

Un paciente do hospital Abente e Lago da Coruña, máis coñecido como hospital militar,  tivo que ser trasladado á unidade de queimados do complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC) ao sufrir queimaduras tras rexistrarse un conato de incendio no seu cuarto.

O suceso, segundo a información do 112 Galicia, produciuse sobre as 01:10 horas deste sábado e foi un particular o que indicou que había lume nun cuarto da terceira planta. No cuarto só estaba ingresado un paciente.

Pola súa banda, o persoal do hospital activou o protocolo ante este tipo de situacións e avisaron os bombeiros e a policía, segundo indicaron fontes da área sanitaria. 

Ata o punto desprazáronse os Bombeiros da Coruña que detallaron que o lume ocasionou danos nun dos colchóns dunha das camas, o que lle causou queimaduras a un paciente que foi trasladado en ambulancia ao CHUAC, onde permanece ingresado con prognóstico reservado.    

O lume foi extinguido polo persoal de seguridade en colaboración co persoal da planta e os Bombeiros procederon a realizar labores de ventilación.    

Pola súa banda, os traballadores da planta foron trasladados ao servizo de urxencias do CHUAC onde lles realizaron unha valoración e recibiron a alta.  

Agora, o cuarto está precintado para que a policía científica realice os labores correspondentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade