Un de cada cinco galegos será de orixe estranxeira en quince anos, segundo o INE
Galicia perderá uns 8.080 habitantes ata 2041, a pesar de que gañará máis de 226.000 estranxeiros
Por provincias, todas as rexións galegas perderán poboación excepto A Coruña, que gañará máis de 13.800 habitantes
Foto de arquivo de inmigrantes en Galicia
Galicia perderá uns 8.080 habitantes ata 2041, a pesar de que gañará máis de 226.000 estranxeiros, segundo a estatística de Proxeccións de Poboación publicada este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
En quince anos imos contar cun 21,3% de estranxeiros, un de cada cinco galegos. Outro dato interesante é que 1 de cada 3 españois vai ser de orixe estranxeira en cinco décadas e a comunidade máis poboada será Cataluña en 2076, con 9,1 millóns de habitantes, por diante de Andalucía.
A nivel nacional, España alcanzará os 53,8 millóns de persoas, 3,9 millóns máis, segundo as estimacións do INE, grazas ao empuxón dos estranxeiros, que crecerán en 5,7 millóns de persoas nos próximos 15 anos.
Por provincias, todas as rexións galegas perderán poboación excepto A Coruña, que gañará máis de 13.800 habitantes, ao atraer máis de 96.300 estranxeiros nos próximos 15 anos. Pola súa banda, Lugo perderá 8.948 persoas; Ourense, máis de 2.550 e Pontevedra, 17.302.
O INE tamén publica este mércores a estatística de Proxeccións de fogares, que indica que o tamaño medio dos fogares galegos caerá de 2,38 a 2,25 persoas.