A Agra do Orzán é un dos barrios máis densamente poboados de Europa
Preto de 30.000 persoas viven en apenas medio quilómetro cadrado
A multiculturalidade forma parte da identidade deste barrio coruñés
Apenas medio quilómetro cadrado no que viven preto de 30.000 persoas. A Agra do Orzán é un dos barrios máis densamente poboados de toda Europa e tamén o máis multicultural da Coruña.
A mestura de historias e procedencias foron construíndo a identidade dun espazo de convivencia único na cidade.
O desenvolvemento industrial dos anos sesenta e a expansión urbana na segunda metade do século XX transformaron unha zona periférica da cidade nun barrio residencial para a crecente clase traballadora que hoxe habitan unhas 29.000 persoas, case o 12% da poboación coruñesa.
Nos anos noventa a peonalización da rúa Barcelona impulsou a actividade comercial, pero o escenario actual para o pequeno negocio local é ben diferente.
Ben conectada coa comarca de Bergantiños, nos seus inicios a Agra do Orzán recibiu moitas familias procedentes da Costa da Morte. Co paso das décadas, converteuse tamén nun punto de chegada para novas comunidades migrantes, especialmente procedentes de África e de América Latina, unha diversidade indisociable da identidade do barrio.
A veciñanza leva anos reclamando máis espazos abertos, zonas verdes e lugares de encontro para a vida comunitaria.