O Rácing vence en Alcorcón e sitúase a catro puntos do líder
Manu Justo marcou o único gol do partido na primeira metade
O Rácing protagonizou un dos mellores partidos da temporada na categoría. Un partido dos que fan racinguismo. Capaz de ser o primeiro equipo en gañar en Santo Domingo, en derrotar o líder na súa casa e cunha morea de circunstancias adversas.
Exhibición ferrolá cunha primeira parte impecable de ataque, que puido empezar con penalti a favor por unha acción sobre Héber. E cunha segunda parte de contención coa defensa en cadro, totalmente improvisada.
Porque Cristóbal Parralo tivo que sacar de onde non tiña. Inventou a Jaume Jardí de lateral, e aos 7 minutos tamén Pep Caballé. No banco o Rácing só chegou con 5 xogadores de campo, e ningún deles defensa. Así que foi un partido de axudas en equipo, e con todo, brillando. Porque a execución foi perfecta.
Tamén de equipo foi a xogada do gol. Centrou Carlos Vicente, tocou Héber e acabou rematando Manu Justo. Décimo gol da temporada para o dianteiro vigués. Batían así a portería máis difícil da categoría. No minuto 38.
Un gol que facía xustiza ao exposto, nun partido no que as carencias sobre o papel en defensa, compesounas o Rácing sobre o céspede cun ataque formidable.
O meta Jesús Ruiz desbaratou outra boa ocasión de Manu Justo antes do descanso. E na segunda parte unha magnifica xogada de Héber non conseguiu pechala ben Luis Chacón. A partir de aí emerxeu o xogo de ataque do Alcorcón. Potente, con recursos e nunha mañá na que brillou Addai, o atacante ghanés, novidade no once, que tivo o infortunio de atoparse coa mellor versión de Gazzaniga. Tamén o traveseiro colaborou coa causa ferrolá, repelendo un remate de Chiki.
E mentres o Rácing, entregado, esgotaba xogadores de reposto, improvisando inéditos onces no campo, os locais petaron unha e outra vez co porteiro arxentino ata que o árbitro decretou o final dunha mañá épica para o racinguismo. O equipo verde igualou a diferenza de goles particular co Alcorcón, e preséntase candidato a todo.