O Celta Fortuna gaña o derbi do Couto (2-4) e deixa ao Ourense CF no descenso
O Ourense CF conseguiu remontar na segunda parte, pero decidiu a pegada dos vigueses
Os tantos da vitoria de Somuah e Dela chegaron no tempo engadido para recuperar o segundo posto do filial
Os ourensáns terán que saír do descenso contra o Talavera e o Tenerife
Foto: @Ourense_CF
O derbi do Couto foi igualado, tivo un ritmo trepidante, e resolveuse no tempo engadido. Fíxoo a prol do Celta Fortuna, que recupera o segundo posto que lle quitara momentaneamente o Zamora. A cruz saíulle ao Ourense CF, que tivo ocasións para gañar, pero acabou goleado e en posto de descenso a dúas xornadas do remate da Liga.
Saiu mellor o cadro local, que tivo as primeiras ocasións claras: César Moreno e Adri Guerrero probaron a Coke, que respondeu con solvencia. Aos poucos foise facendo co dominio o Celta Fortuna, que tivo nas botas de Hugo González as súas ocasións. Ata o minuto 24, cando unha rápida contra culminaba co centro de Gavián, e Álvaro Marín cabeceaba á rede.
O gol non chegou a afectar ao equipo local, que empataba na seguinte acción. Hugo Sanz puxo o centro desde a esquerda, e Raúl Hernández remataba pola escadra.
No treito final da primeira metade baixou un pouco o ritmo, que se volveu intensificar na segunda. Angelito levou o primeiro aviso á área local, antes de que o Ourense CF culminara a remonta. Foi por medio de Adri Guerrero, nunha acción que desviou Meixús e acabou na portería celeste.
O Ourense CF atopouse cos seus mellores momento para facer o 3-1, pero non puido aproveitar as accións de Aranzabe e Jerín. E si o fixo o Celta Fortuna nunha falta desde a frontal, especialidade de Hugo González. O valenciano cravouna na escadra para igualar a dous.
O partido entrou no treito decisivo e o Ourense CF tivo outra clara, con tres futbolistas arredor do balón, que acabou nas mans de Coke. A, xusto despois, a moeda volveu caer de cara para o Celta Fortuna, nun dobre rebote na defensa que lle caeu a Somuah, que regateou a Ratón e marcou con calidade.
Xa no minuto 103 chegou o 2-4 definitivo. Foi nun roubo de Oliveras, tocou Óscar Marcos e Dela conectou unha vaselina que estivo a piques de deter Álvaro Ratón pero acabou na rede.
Ao final, dous a catro no derbi. O Fortuna volve ser segundo, e o Ourense CF terá que intentar sair do descenso nas dúas últimas xornadas, nas que se enfronta a un rival directo en Talavera, e temata co Tenerife.