Maggie Doogan repite como a xogadora da xornada na Liga Feminina
A aleiro do Baxi Ferrol foise ata os 30 de valoración con 21 puntos e 6 rebotes na vitoria diante do Gernika
O impacto da aleiro do Baxi Ferrol Maggie Doogan na Liga Feminina está a ser enorme. Por segunda vez nas cinco xornadas que levamos de competición foi a "xogadora da xornada" grazas aos 30 de valoración no partido diante do Gernika.
A achega de Doogan resultou fundamental con 21 puntos e 6 rebotes para que o Baxi acadase a terceira vitoria da temporada. Doogan asinou 4/6 en tiros de 2 e 3/7 nas triplas. Forzou seis faltas e centrou o traballo defensivo do equipo rival.
Doogan é a máxima anotadora da competición con 19,4 puntos de media. Tamén é a máis destacada do Baxi na competición europea onde acredita máis de 14 puntos por encontro.