Baxi Ferrol e Ensino afrontan a segunda xornada da EuroCup contra rivais durísimos
O Mersin turco, último campión, visitará a pista da Málaga (mércores, 20:15 na G2)
Ás 18:00 veremos tamén na G2 o partido entre o Ensino e o Gorzow no Pazo
Compromisos moi duros os que teñen Baxi Ferrol e Durán Maquinaria Ensino na segunda xornada da EuroCup Women. Os dous equipos galegos perderon na primeira tirada da competición e tócalles endereitar o rumbo como locais.
O Baxi enfróntase ao último campión deste torneo europeo, o Mersin turco. Un auténtico equipazo con moitas xogadoras que pasaron pola WNBA. Carla Leite, Kennedy Burke, Samuelson, Iagupova ... Unha constelación de estrelas que visita A Malata este mércores ás 20:15 horas, partido que veremos na G2.
Lino López coñece a dificultade da misión pero considera que este tipo de partidos serven para medrar. "Tanto o club como as xogadoras teñen que gozar de xogar contra algunha das mellores do mundo" comentou o técnico ferrolán.
O Durán Maquinaria Ensino recibe no Pazo ás 18:00 horas (G2) o Gorzow de Polonia. O rival machacou na primeira xornada o Panserraikos grego (87-63) un encontro no que amosou todo o potencial que ten na rotación con dez xogadoras que anotaron. O Ensino perdeu o primeiro partido na pista do Montpellier e chega á cita despois dun comezo de competición moi complicado e esixente.