O Depor celebrou o ascenso coa afección nunha Praza de María Pita totalmente ateigada
O Presidente do Deportivo Juan Carlos Escotet destacou que estaban ante un día histórico para o club, para a cidade e para toda Galicia
O adestrados e todos os xogadores dirixíronxe un a un á afección herculina desde o balcón do concello
A cidade da Coruña rendeuse este luns ao Deportivo no seu regreso a Primeira oito anos despois dun descenso que o levou máis tarde ata a terceira categoría do fútbol español. "Estamos de volta!", entoou o adestrador, Antonio Hidalgo. Tras lograr o domingo o ascenso matemático en Valladolid a falta dunha xornada -o Deportivo xoga este domingo en Riazor ante a Unión Deportiva As Palmas, tras o que se fará a tradicional celebración na fonte de Catro Camiños-, o equipo branquiazul acudiu ao concello, nunha tradición que se recuperou tras a fractura de 2024 cando ascendeu a Segunda División.
A corporación municipal recibiu ao Deportivo no salón de plenos e a encargada da benvida foi a alcaldesa, Inés Rey. "Chegou o día máis esperado por todos. O Dépor é de Primeira, parabéns", comezou a rexedora, que destacou os "oito anos de espera, de nervios", para volver a unha categoría que nunca se debeu "abandonar". Na súa intervención, lembrou ao mítico adestrador do Deportivo Arsenio Iglesias e a importancia de que o equipo e a afección fosen "da man sempre". O presidente do Deportivo e de Abanca, Juan Carlos Escotet, afirmou que é "un día histórico para o Real Club Deportivo, para A Coruña e para Galicia", pois se conseguiu o ascenso tras un "camiño longo, difícil e esixente" no que houbo "momentos moi duros, pero tamén unha convicción que nunca desapareceu".
O capitán, Diego OVillares, manifestou que "este ascenso non só pertence ao club, pertence tamén á cidade da Coruña, que nunca deixou de crer", e agradeceulle "o cariño e o esforzo". O adestrador, Antonio Hidalgo, eloxiou ao persoal. "Grazas por crer, grazas por confiar, grazas por loitar. Tedes todos o meu respecto", apuntou. Tamén resaltou o apoio da afección e de todo o club en "momentos duros" durante a tempada. Xa no balcón da praza de María Pita, Hidalgo encargouse de facer 'estalar' á afección. Fíxoo despois da saída ante o público de Escotet e antes dos xogadores, que un a un dedicaron unhas palabras ás miles de persoas que abarrotaban María Pita.