O Dépor gaña ao Auriense nun histórico derbi de Copa do Rei (0-3)
Asp Jensen estreouse como goleador con dous tantos. O terceiro foi de Luismi Cruz
O Coruxo perdeu co Zamora 0-2 e a UD Ourense caeu na prórroga 3-1 coa Gimnástica
Chegaba o Deportivo ao campo do Couto en Ourense entre unha morea de xente que os recibía. Non menor recibimento tiveron os xogadores do Auriense, club con cinco anos de vida que se enfrontaba a un equipo de Primeira división. Os coruñeses dominaron o partido desde o primeiro minuto e deixaron poucas opcións aos ourensáns, aínda que o primeiro gol tardou en chegar.
Último minuto da primeira metade, Asp Jensen recibe un balón de Kevin Sánchez e estrea o marcador do partido e o seu persoal: primeiro gol do danés co Dépor en partido oficial. Non sería o primeiro. No 57 marca o segundo, desta vez con asistencia de Noé Carrillo. O terceiro e definitivo gol deportivista viría das botas de Luismi Cruz, pero a asistencia sería do protagonista do partido, Jonathan Asp Jensen.
Nos outros encontros de xoves da Copa do Rei, o Coruxo non puido co Zamora no Vao. 0-2 para os castelán-leoneses. A Unión Deportiva Ourense viaxou a Cantabria para enfrontarse á Gimnástica de Torrelavega. Caeron os ourensáns na prórroga por 3-1 logo de empatar no tempo engadido con dous xogadores menos. A UD estivo xogando con 9 desde o 88 polas expulsións de Varo Fernández e David Ferreiro.