Cae Manolo González, o chofer do Folgoso do Courel que triunfou no Español
A derrota diante do Sestao na Copa puxo punto e final a unha traxectoria de máis de cen partidos no cadro españolista e un ascenso a Primeira División
Manolo González xa levaba a Sestao unha ferida inciso-contusa de prognóstico reservado para as súas posibilidades de seguir. A derrota na liga contra o Racing de Santander, rival claro pola permanencia, púxoo aos pes dos cabalos.
Filósofo da resistencia de alta montaña; fillo do Folgoso do Caurel e enfornado en Barcelona, Manolo González pon final a unha traxectoria no Español a onde chegou pola vía curricular de sacho e picachón no fútbol plebeo, fóra das moquetas de palco VIP no Fútbol Club Martinenc, na Gramanet, na Montañesa ou no Badalona.
Así se presentou en Primeira tras quitar ao Español do pozo en 2024, pelexar toda a tempada para manter aos pericos na categoría e facer do arranque da liga 2025-26 un prodixio de valentía. Os de González acaban quintos a primeira volta da liga na que derrotaron o Atlético de Simeone, dobregaron en Balaídos aos de Giráldez e chegan ao derbi co Barça, catro a un, xa de capa caída e confrontando os modelos de billeteira e corazón.
Sen complexos, vitalista e cumpridos os cen partidos na banqueta perica, González foi ratificado para unha presente campaña que comezou revirada. As derrotas no último alento dos partidos contra Málaga, Atlético de Madrid, Rácing e onte Sestao River engordaron a sensación de que o galego tiña perdida a agulla de motivar, a capacidade para chegar á cabeza dos seus futbolistas. E xa se sabe que unha cousa é predicar e outra moi distinta dar tabaco e resultados.