Hidalgo, optimista co regreso de Aubameyang: "Está preto"
O referente ofensivo do Deportivo mancouse o 20 de setembro diante do Betis e xa fai traballo de campo para estar nas últimas semanas de novembro
Boas novas para o Deportivo co regreso de Pierre Aubameyang aos terreos de xogo. O dianteiro e referente ofensivo do cadro coruñés no primeiro treito de competición mancouse o pasado 20 de setembro no partido contra o Betis. Foi operado de urxencia en Madrid dunha rotura de menisco e leva un mes con traballo en ximnasio e fisioterapia tentando acurtar os prazos para volver canto antes cuns compañeiros que o precisan.
As previsións falaban de dous meses para poder xogar de novo. Iso sería a última semana de novembro, no partido que o Deportivo xoga diante do Barcelona. Pero Aubameyang é optimista e comezou a facer algunhas tarefas co resto de compañeiros nas instalacións de Abegondo. No cadro coruñés non se quere arriscar pero as sensacións do xogador son boas e tentaría estar unha semana antes do agardado aínda que os prazos poden variar moito dependendo da súa evolución.