Meindl: "Breogán fai 100 puntos por partido, pero tampouco defende moi ben"
O derbi poderá seguirse en directo o domingo ás 12:00 hora na TVG e en AGalega.gal
O internacional brasileiro Leo Meindl, aleiro do Obradoiro, apela ao ‘factor Sar’ para levar o derbi deste domingo contra o Río Breogán, un equipo ofensivo que, ao seu xuízo, “non defende moi ben”.
“É un deses partidos que esperamos durante toda a tempada, de moita emoción e moita importancia porque somos rivais directos. A clave é intentar utilizar as emocións ao noso favor, aproveitar que a bancada vai estar connosco porque xogamos en casa e transformar esa emoción en motivación”, afirmou.
En rolda de prensa, o xogador obradoirista eloxiou o conxunto lucense:
“É un equipo moi ofensivo, fai 100 puntos por partido, pero tampouco defende moi ben. Sabemos que se conseguimos pararlles ofensivamente e atacarlles de xeito eficiente podemos xerar a nosa vantaxe”.
Neste sentido, advertiu da importancia de atopar “un equilibrio” no aspecto emocional para que non xogue na súa contra.
“Non hai que pasarse, pero tampouco quedar curto con ese combustible”.
Finalmente, Leo Meindl sinalou que o vestiario do Obradoiro xa superou o golpe que supuxo perder por 30 puntos na pista do Tenerife.
“Pódese aprender moito das derrotas e iso é o que fixemos nós. Agora hai que mirar cara adiante e pensar xa no seguinte partido. A ACB é unha Liga na que, se xogas ben, podes gañar a calquera e, se xogas mal, podes perder de 30 puntos”, sentenciou.
O derbi poderá seguirse en directo o domingo ás 12:00 hora na TVG e en AGalega.gal.