O Obradoiro desfóndase despois do primeiro cuarto en Tenerife (106-76)
Os santiagueses remataron ese primeiro parcial cun 20-19
A partir do segundo, o acerto nas triplas locais, superior ao 50%, foi decisivo
O Monbus Obradoiro caeu na pista do Tenerife. Foi nun partido en que resistiu durante o primeiro cuarto, que rematou igualado. Mesmo gozaron os de Epi dunha vantaxe de 11-15 logo dunha tripla de Meindl. Pero foi precisamente o tiro de tres o que comezou a decantar o choque a partir do segundo parcial. Os illeiros estiveron por riba do 50% no lanzamento de 3, mentres que os santiagueses non eran quen de soster esa porcentaxe e ían cedendo á vantaxe local. Un último lanzamento de 3 de Jaime Fernánedez levaba a diferenza a 49-33 no descanso.
Na continuación, a situación non mellorou, e a vantaxe local superou os 30 puntos logo dun parcial final de 16-1 entre o terceiro e o último cuarto. Xa sen opcións de vitoria, o Obradoiro mantívose no encontro. Con dúas triplas forzou o tempo morto local, e completou un parcial de 5-16 para forzar outro, con Meindl anotando a súa quinta tripla do partido.
Ao final, 106-76, derrota por trinta puntos para un Obradoiro que tivo en Meindl (19 puntos) e en Soriano (16 e 21 de valoración) aos seus mellores xogadores.