O Pontevedra celebra a clasificación para o 'playoff', pero a competición acaba anunciando a clasificación do Castela
O Pontevedra celebra a clasificación para o 'playoff', pero a competición acaba anunciando a clasificación do Castela
Os granates empataron co Avilés, pero a interpretación do desempate co Barakaldo e o Castela é contraditoria
A Primeira Federación anunciou a última hora a clasificación do Real Madrid Castela
O Celta Fortuna confirmou a súa clasificación como 2º e xogará contra o Europa
O Ourense C. F. remontou contra o Tenerife pero perde a categoría canda o Arenteiro
A temporada na Primeira Federación tivo un desenlace caótico, logo dunha última xornada que rexistrou a celebración do Pontevedra, despois de igualar no tempo engadido o 0-2 co que se adiantara o Avilés. Este resultado, unido ao resto da xornada, desatou a celebración sobre o céspede de Pasarón.
Os tantos de Alain Ribeiro e Compa deixaban o Pontevedra empatado co Castela e o Barakaldo. O triplo empate deixaba a galegos e madrileños tamén igualados, e aí entraba o goalaverage. O particular entre eles, favorable aos brancos. O xeral nos partidos entre os tres, ao Pontevedra. Por iso os xogadores do Pontevedra celebraron o pase á promoción de ascenso que, desde o quinto posto, emparellábaos co Sabadell.
Malia a que, nun primeiro momento, houbo unanimidade sobre a clasificación dos granates, anunciada pola competición e mesmo asumida no Real Madrid, axiña houbo dúbidas. Porque, desde fontes federativas, recoñecíase que había ambigüidade á hora de interpretar as normas. Unha de rango xeral, e outra da Primeira RFEF. Así que os dous clubs consultaron e quedaron á espera da confirmación da Federación, que non se produciu. Decidirá o Xuíz único da competición que equipo se medirá co Sabadell na primeira rolda da promoción de ascenso.
A última hora da noite, a propia conta da Primeira RFEF, que inicialmente dera por clasificado ao Pontevedra, publicou os cruzamentos da promoción co Castela clasificado como 5º, por diante dos granates, e emparellado co Sabadell.
🚨 ¡𝗢𝗙𝗜𝗖𝗜𝗔𝗟!
— Primera Federación Versus e-Learning (@Primera_RFEF) May 23, 2026
🔥 ¡Estos son los 𝗣𝗟𝗔𝗬𝗢𝗙𝗙𝗦 𝗗𝗘 𝗔𝗦𝗖𝗘𝗡𝗦𝗢 de la temporada 2025/26!#PrimeraFederación | #VersusELearning pic.twitter.com/DygZwTUoLb
A última xornada tiña máis cousas en xogo, como, por exemplo, a segunda praza. Esta foi para o Celta Fortuna, que empatou a uns en Barakaldo, co que aseguraba esa segunda praza, e que da emparellado co Europa nesa primeira rolda do playoff.
Pola súa banda, o Ourense C. F. perdeu a categoría. E fíxoo malia á remonta na segunda metade diante do Tenerife. Precisaba para salvarse a derrota do Avilés, que non chegou, e tamén que non gañasen os outros equipos cos que chegaba empatado. Fïzoo o Talavera.
O resto de partidos con representación galega remataron co empate sen goles no derbi do Anxo Carro entre o Lugo e o Arenteiro, e a derrota do Rácing de Ferrol no campo de Unionistas por 3 a 2.