O Rácing gaña no Couto cun xogador menos nun partido de tolos (2-3)
Entre as dúas partes houbo máis de vinte minutos de engadido e tres dos cinco goles marcáronse nos tempos de compensación
O cadro departamental quedou con dez no 93 e marcou no 97 o tanto da vitoria
Cinco goles, tres deles no engadido. Expulsados ... O drama para Ger Novoa, un ourensán mancado no primeiro tempo. Este Unión Deportiva Ourense - Rácing tivo de todo. Os dous primeiros goles chegaron no engadido do primeiro tempo. Adiantouse o Ourense cun remate de cabeza de Labrada tirando proveito dun envío de David Ferreiro. O primeiro tempo durou case unha hora. E no dez da compensación Jesús Bernal acadaba o empate resolvendo un barullo.
Era o minuto 75, Etoo levaba un intre sobre o campo e o fillo de Samuel cruzou diante de Vizoso. Co partido perdido, a Unión Deportiva Ourense botouse con todo ao ataque. O lituano Jansonas marcou cando quedaban catro para o final. Pero foi o engadido do segundo tempo o máis atropelado. Varo puido marcar pero o seu remate petou no pau. O Rácing quedou con dez por un cartón vermello a Arroyo.
E co equipo local emborcado o conxunto verde sacou unha contra para que Vicente Esquerdo marcase o definitivo 2-3. Festexou o Rácing un triunfo co que poucos contaban ... Laiouse o Ourense dunha gran oportunidade perdida para acadar a terceira vitoria da tempada.