O Lugo gaña en Pasarón con polémica arbitral (0-2)
Simón Luca e Gallar marcaron para os visitantes
Os locais láianse da actuación do colexiado
O Pontevedra curta cunha xeira de cinco xornadas sen gañar
O Pontevedra e o Lugo sairon a Pasarón e encontraron un diluvio. Chovía arreo e o campo estaba rápido. Nesas circunstancias os da muralla arrancaron mellor. Cun fútbol dinámico, móbil que se adaptaba perfecto as condicións do céspede. E logo de dez minutos minutos xa mandaban no marcador. Foi nunha acción pola esquerda que acabou perfecta para a chegada de Simón Luca.
Co gol encaixado os locais foron arriba e o Lugo optou por resgardarse. O Pontevedra pasou a dominar o balón, pero nunha saída visitante Álex Costa acabou no chan por un agarrón de Juanra. O colexiado non chifrou pero, despois da revisión, sinalou o punto de penalti. E o penalti marcouno Álex Gallar. 0-2 en media hora.
O partido poñíaselle de cara ao Lugo e amosaba un Pontevedra despistado atrás -cun debuxo con tres centrais- e inédito en ataque. Ata o minuto 40 non chegou con perigo e foi nunha falta que cabeceou Álvaro.
Pero antes do descanso, a Ulloa deulle por darlle emoción ao partido. E, no medio do campo, tiroulle unha patada por detrás a Yelko, sen opción de xogar a pelota. E o colexiado mandouno á caseta. Expulsión con 45 minutos de esperanza local por diante que apertaron e mesmo reclamaron xa un penalti antes do descanso.
A segunda parte comezou cun Pontevedra dominador, mais as ocasións eran para o Lugo na contra. Nunha destas saídas, Yelko tratou de curtar con falta, viu a segunda amarela e marchou expulsado. Minuto 60. Aí morreron as opcións granates. O Lugo transitou sen maiores problemas ata o final e mesmo puido ampliar por medio de Godoy.
Vitoria de confianza do Lugo en Pasarón (0-2). Triunfo solvente que apaga dúbidas e reafirma o liderato deste Lugo.