Os equipos galegos adían os seus obxectivos para a última xornada na 1ª RFEF
O Celta Fortuna caeu no derbi co Lugo (0-1) e precisa un punto para asegurar a segunda praza
O Pontevedra, goleado en Tenerife (3-0), terá que gañarlle ao Avilés para entrar na promoción
O Ourense CF queda nunha situación límite, a tres da salvación na última xornada
A penúltima xornada na Primeira Federación, que se disputou de xeito unificado, non foi especialmente boa para os intereses dos equipos galegos que xogaban algún obxectivo importante.
O Celta Fortuna podía asegurar o segundo posto e, con el, a vantaxe de campo de cara ao play off no derbi contra o Lugo. Pero, malia a que o Zamora comezou gañando e acabou perdendo, un golazo de Reniero no tempo engadido deixa as contas abertas de cara á última xornada. O filial lévalle tres puntos aos zamoranos, pero cun so gol de renda no goalaverage xeral. Isto significa que, na última xornada, ten que empatar como mínimo en Barakaldo, ou agardar que o Zamora non gañe en Getxo para asegurar esa segunda praza.
O Pontevedra tamén podía asegurar matematicamente o seu posto de play off. Para iso precisaba a vitoria no Heliodoro. Pero no encontro nada saiu como agardaban os granates, que foron goleados 3-0 e acabaron o partido con dez por expulsión de Cuesta. As vitorias de Ponferradina e Barakaldo, e o empate do Castela, deixan un cuádruplo empate, co Pontevedra aínda cuarto. Para evitar cábalas, terá que derrotar ao Avilés na última xornada para asegurar a promoción.
O Avilés é o único equipo a tiro do Ourense CF, que empatou sen goles en Talavera e quedou nun cuádruplo empate cos manchegos, Osasuna Promesas e Guadalaxara, todos en descenso. E todos a tiro de tres puntos do Avilés, co que teñen gañado o goalaveraxe xeral os das Burgas. Así que precisan gañar e agardar que perdan os asturianos, ademais de evitar outros empates con equipos que os prexudiquen.
No resto da xornada, xa sen moitas cousas en xogo, o Rácing de Ferrol igualou sen goles na Malata co filial do Osasuna, e o Arenteiro caeu pola mínima na súa despedida do Espiñedo coa Ponferradina.