O Lugo derrota ao Zamora (2-0) e sae do descenso
Quique Márquez (p.p.) e Afriyie, cun golazo, deixan a permanencia ao alcance do equipo lugués
O Lugo chegará á última xornada cun punto de marxe sobre o descenso, logo dunha vitoria traballada e moi necesaria diante do Zamora no Anxo Carro.
O cadro de Álex Ortiz comezou máis metido no partido, e súas foron as primeiras chegadas do encontro. Afriyie topou con Sobrón e, pouco despois, Jorge González gañáballe a todos na área pero remataba alto con todo a favor. A terceira dos locais levou a signatura de Raúl Hernández, cun potente remate que rexeitou Sobrón.
O gol ía chegar no minuto 38. Foi nunha falta botada desde a esquerda por Roger Martínez, que rexeitou contra a súa propia portería Quique Márquez, que estaba na barreira. O gol dáballe aire ao Lugo na súa pelexa por sair dos postos de descenso e, nada máis volver do descanso, houbo outra acción que puido despexar o camiño. Un penalti por agarrón a Yayo que lanzou Raúl Hernández. Outra vez Sobrón gañoulle a partida, rexeitou o disparo que acabou no pau.
Pero o cadro lugués non perdeu a concentración, e nun roubo en campo propio creou un auténtico golazo para finiquitar o partido. A asistencia de Raúl Hernández habilitou a Jerry Afriyie, que resolveu cunha vaselina a saída de Sobrón.