O dono de Sargadelos anuncia o peche da fábrica de Cervo responsabilizando a Inspección de Traballo
Segismundo García, administrador único da empresa, comunica mediante unha carta chea de descualificacións que lle é imposible resolver as deficiencias detectadas
O expediente da Inspección de Traballo obrigaría a protexer o persoal do risco de exposición á síllice cristalina que enfermou xa dúas traballadoras
O administrador único do grupo Sargadelos, Segismundo García, comunicou por carta a Inspección de Traballo e Seguridade Social que "con data de hoxe mesmo" se procede ao peche da planta de produción da emblemática factoría en Cervo, "ante a imposibilidade de resolver en prazo as deficiencias" que foran detectadas.
A misiva datada este mércores prodúcese días despois de que o propio Segismundo García instara por carta a Inspección de Traballo a "pechar e precintar" a fábrica tras recibir unha multa de 5.000 euros por 36 deficiencias.
As instalacións de Cervo están declaradas Ben de Interese Cultural, e na súa carta deste mércores o administrador de Sargadelos mesmo chega a suxerir que as aproveiten "para acometer un centro de interpretación da cerámica".
A mensaxe dirixida aos inspectores, Segismundo García, ironiza tanto co labor da Administración como coa do propio empresario, e afirma que tras os requirimentos recibidos "dedúcese que nesta empresa, nestes últimos anos, se respiran ou se inhalan substancias nocivas", e tras a mensaxe anterior en que instaba a Inspección ao "peche e precintado", asegura: "Líbrenos a providencia de pretender lucrármonos coa enfermidade ou desgraza allea".
Así informa do peche, con data deste mércores, e pide que "non se interprete esta actitude como un peche empresarial. Gozabamos tanto coa xestión empresarial como padeciamos cos seus constantes requirimentos e presuntuosa suficiencia".
"Por último, -conclúe- solicitámoslles que saiban desculpar a nosa impericia empresarial, intentamos facelo o mellor que sabiamos". E despídese desexándolles "moito éxito nas súas futuras actuacións e que o destino lles outorgue tanta paz como a esta dirección sosego e descanso nos deixa o seu afastamento".
Dúas traballadoras enfermas
O Ministerio de Traballo e Economía Social aclarou que as actuacións desenvolvidas pola Inspección de Traballo en 2025 na fábrica de cerámica Sargadelos foron motivadas pola solicitude dun informe de enfermidade profesional por silicose.
Segundo explicou o ministerio, dúas traballadoras da empresa desenvolveron pneumoconiose, un conxunto de enfermidades pulmonares crónicas causadas pola inhalación de po de minerais ou metais, como o po de sílice.
A Inspección emitiu o informe correspondente e impuxo unha sanción de 5.000 euros á empresa pola falta de medidas adecuadas para evitar a exposición ao po de sílice dunha das traballadoras afectadas.
Ademais, requiriuse a Sargadelos que corrixise outras deficiencias, como a provisión de equipos de protección individual adecuados, a realización de medicións hixiénicas do po de sílice e a subministración axeitada de roupa de traballo.
Pese ás deficiencias detectadas, o Ministerio considera que “non hai entidade nin nas sancións nin nas obrigas derivadas dos requirimentos que xustifique o peche da empresa”.
Tamén salientou que a defensa da saúde e da seguridade das persoas traballadoras é prioritaria, “por riba de calquera outra consideración”.
"Nin comprensible, nin razoable, nin dunha persoa normal"
Ante esta noticia, o sindicato Comisións Obreiras na Mariña expresou o seu "total apoio" aos traballadores desta histórica empresa. O seu portavoz comarcal de Industria, José Antonio Zan, dixo que o sindicato “apoia totalmente aos traballadores de Sargadelos e non vemos comprensible, nin razoable, nin dunha persoa normal, que un empresario queira pechar unha fábrica porque a Inspección de Traballo fai o seu labor e o sanciona”.
Na mesma liña, asegurou que “a lei hai que respectala”. “Ninguén está por encima da lei. Non cremos que sexa bo para a comarca nin para Galicia que un empresario ameace aos traballadores porque a Inspección de Traballo imponlle 5.000 euros de multa”.
“O que se debe facer é traballar para que non haxa esas multas e cumprir os dereitos laborais de todos os traballadores”, resolveu.
Os traballadores non recibiron o finiquito e seguirán acudindo á fábrica ata que todo se aclare
As traballadoras e traballadores da planta de Sargadelos en Cervo manifestan a súa sorpresa e preocupación.
Aseguran que Segismundo García leu a carta na que anunciaba o peche durante unha asemblea interna celebrada este mércores, momento no que souberon oficialmente da decisión.
Con todo, denuncian que non recibiron ningún documento, protocolo nin finiquito, polo que teñen previsto achegarse á planta na seguinte xornada laboral. Aínda que as instalacións estean pechadas, o persoal pretende permanecer no seu horario habitual nas inmediacións, á espera de novidades.
O persoal permanece agora á espera de posibles reaccións por parte da dirección e das administracións, especialmente da Xunta e do Ministerio de Traballo.
A Xunta descarta que o expediente laboral implique o peche
O Goberno autonómico aclara que o expediente ao que fai referencia a empresa como unha das causas da decisión comunicada ao persoal de Cervo non é firme e está nunha fase inicial.
O procedemento podería derivar nunha sanción de 5.000 euros e inclúe a esixencia de corrixir certos defectos detectados nas instalacións.
“Ningunha destas medidas obriga ao peche da planta”, subliña. A Xunta defende que cumprir coa normativa de seguridade laboral non é unha traba, senón unha garantía para o desenvolvemento da actividade nunha contorna segura para as persoas traballadoras.
O executivo galego admite que a adaptación a certos requisitos pode ser un reto, especialmente en instalacións con alto valor patrimonial como as de Sargadelos, no concello de Cervo, declaradas Ben de Interese Cultural desde 2014.
Por iso, a Xunta reafirma a súa vontade de colaborar e ofrecer asesoramento para buscar solucións que aseguren a continuidade da actividade industrial dentro do marco legal.
Os traballadores de Sada anuncian unha concentración para o día 13 de abril
A fábrica de Sargadelos en Sada vive con incerteza e preocupación o anuncio do peche da planta de Cervo.
“O comité non recibiu ningunha comunicación formal. Ninguén se puxo en contacto con nós”, declarou o presidente do comité de empresa de Sada. Salvador González recoñeceu que se enteraron pola prensa e que seguen sen novas oficiais.
A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada expresou a súa indignación polo anuncio de peche e convocou unha concentración para o vindeiro 13 de abril fronte á fábrica de Cerámicas do Castro, no propio municipio sadense.
Nun comunicado, critican que “as persoas que apartaron a Isaac Díaz Pardo da dirección das empresas e perverteron o espírito fundacional desta industria cultural, anulando o seu proxecto identitario, agora deciden poñerlle punto final”.
A asociación insta ás administracións a implicarse activamente na procura dunha solución que garanta a continuidade da actividade produtiva e os postos de traballo, con especial chamamento á Xunta de Galicia.
Historia e símbolo do país
O peche de Sargadelos no municipio de Cervo tería implicacións máis aló do aspecto puramente empresarial, polo que representa esta emblemática firma na propia historia de Galicia; de feito a propia fábrica mariñá foi declarada Ben de Interese Cultural e é un lugar que visitan cada ano centos de persoas.
Trátase dunha empresa emblemática, fundada por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane -aínda que a súa orixe remóntase ao século XIX-, e a cerámica que se produce na súa fábrica de Sargadelos foi un símbolo de identidade de Galicia, que goza de recoñecemento internacional tanto polo seu deseño como pola súa calidade.
Desde 1988, está aberto un museo onde os visitantes poden coñecer o material recuperado das antigas fábricas do século XIX, así como as diferentes etapas polas que foi pasando a produción de pezas de cerámica de Sargadelos, unha marca que se vende en numerosas tendas por toda España.