O caladoiro de Terra Nova é un dos máis duros do mundo
O clima extremo e a profundidade das augas fan a pesca difícil e perigosa nesta zona
A seguridade dos barcos mellorou moito nos últimos anos
O caladoiro de Terra Nova é un dos máis duros do mundo, segundo a Cooperativa de Armadores de Vigo, que ten alí vinte barcos. O clima e a profundidade das augas fan que sexa unha das zonas con máis dificultades para a pesca.
Os barcos que traballan en Terra Nova están preparados para soportar as condicións climáticas da zona, pero aínda así o traballo é moi difícil.
"E un dos sitios mais duros do mundo porque teñen habitualmente vento de máis de 40 nós e as ondas adoitan ser de catro ou cinco metros", di Javier Touza, presidente da cooperativa de Armadores de Vigo
Non só o clima extremo dificulta a pesca. "As augas en que traballan son moi profundas, o que obriga a manobras complicadas, complexas e longas. E se hai moito peixe teñen que estar moitas horas continuadas traballando", engade.
Desde a cooperativa viguesa lembran que as condicións a bordo melloraron moito nos últimos anos, tanto en habitabilidade como en seguridade, pero, malia todo, non sempre se poden evitar os naufraxios.