Remata a campaña da centola e comeza a da sardiña
Este venres é o último día que saen os barcos centoleiros
Remata a campaña da centola. Nas peixerías véndense este venres os últimos exemplares. Estará en veda ata primeiros de novembro.
Nas cetarias case non quedan centolas. Teñen que buscar no fondo das piscinas os últimos exemplares. Quedan algúns machos e contados.
O forte da campaña rematou e, aínda que este venres é o último día para pescar centola, moitos barcos xa cambiaron de aparello hai días para ir a outras especies.
Remata unha campaña con baixada de capturas. Van cinco anos seguidos con cada vez menos centola nas lonxas. A hipótese é que a comeu o polbo.
"Non sei se é polas augas, que din que están máis quentes. E este ano houbo unha repunta de polbo e dise que ano de polbo é ano de pouca centola e pouca nécora", di Pablo Mourelos de Mariscos O Grove.
Nas peixerías venden os últimos exemplares.
"Este ano estiveron boísimas. A xente que as levou repetía. Hoxe é o último día. Hai que aproveitar", comenta Álida Devesa, da Peixería Evamar.
Os machos, algo máis baratos, móvense polos 25 euros o quilo. As femias, que só se poden vender cando non teñen ovas, son máis caras.
Na peixería da confraría do Grove gardan nas piscinas as últimas pezas, contadas, para que se manteñan en condicións óptimas. É o que eles consideran a mellor centola do mundo.
De feito, o Grove é a única lonxa que está aumentando as capturas cada campaña. Esta, máis.
"A mellor de todas: en números, en quilos, en cartos... Fenomenal. A campaña da centola é a auga de maio para a pesca de baixura aquí no Grove" explica Antonio Otero, da confraría do Grove.
Pero agora xa toca cambiar de páxina. Os clientes xa miran para o peixe azul. Vén a sardiña.
"Si, agora peixe azul. É o que hai de temporada: sardiña, xurelo. É o que máis quere a xente para as casas e para asar", conta Chema Caamaño, da peixería da confraría do Grove.
A centola galega volverá aos mercados para novembro. A dúbida é se no futuro haberá barcos abondo para pescala. Os mariñeiros van xubilándose e, por exemplo, no Grove xa hai varios barcos amarrados.
"Empeza a haber. Un é o meu. Empeza a haber barcos amarrados porque non hai remuda xeracional e os barcos sós para o mar non saen, pero vaia", conclúe Antonio Otero, da confraría do Grove.