Pechan os bancos marisqueiros de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla para a súa recuperación
A veda, acordada entre a Xunta e os representantes do sector, será durante 6 meses
Os mariscadores afectados recibirán compensación económica

A Xunta e os representantes do sector marisqueiro acordaron o peche dos bancos marisqueiros de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla durante seis meses para profundar na súa recuperación.
Segundo informou a consellería, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro mantivo un encontro con representantes do sector para analizar os resultados das mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigación Mariñas.
Os datos dispoñibles reflicten un estado actual do recurso que desaconsella o inicio da actividade marisqueira nestas zonas produtivas. Nesta liña, detallou que se estudaron medidas de carácter técnico que permitan avanzar na recuperación destes bancos, polo que se acordou a decisión de pechar estas zonas produtivas durante seis meses co obxectivo de consolidar a súa recuperación e favorecer o crecemento das poboacións de bivalvo.
Así, a prohibición de extraer bivalvo desenvolverase cunha veda durante o último trimestre deste ano e unha parada biolóxica no primeiros tres meses de 2026, pola cal os mariscadores afectadas recibirán compensacións económicas. Tras esta decisión, a directora xeral comunicou o compromiso da Xunta de tramitar esta convocatoria de apoios coa maior axilidade coa finalidade de que estean ao dispor do sector canto antes.