Publicador de contidos

Publicador de contidos

As vítimas do Villa de Pitanxo aplauden que a Fiscalía asuma o seu relato da traxedia

As vítimas do Villa de Pitanxo aplauden que a Fiscalía asuma o seu relato da traxedia

As familias das vítimas aplauden este novo paso cara á celebración dun xuízo que levan esperando 4 anos

G24.gal 04/06/2026 14:05

9 anos de prisión por 21 delitos de homicidio imprudente, un delito de lesións imprudente e outro contra os dereitos dos traballadores. É a pena que solicita a Fiscalía para os 3 acusados pola traxedia do Villa de Pitanxo: o capitán, o director xeral da armadora e o responsable de frota. Tamén pide inhabilitalos para o exercicio da profesión de patrón e para xestionar empresas pesqueiras.

Incide o Ministerio Público no "groseiro desprezo pola vida e a integridade física dos tripulantes do buque por parte dos acusados e a compañía armadora" por múltiples motivos: estaban traballando nunha zona onde tiñan prohibido pescar. Fixeran modificacións ilegais no buque para levar máis combustible e capturas.

Considera que o capitán realizou unha virada sen as debidas precaucións nunhas condicións meteorolóxicas moi adversas e deu a orde de abandono do buque demasiado tarde.

Aos armadores, o Ministerio Público responsabilízaos de incumprir coas esixencias de seguridade e saúde dos traballadores. Non fixeran simulacros de emerxencia, non había escaleira en estribor e os traxes de inmersión e chalecos estaban nos camarotes, onde a maioría non puideron collelos.

As familias das vítimas aplauden este novo paso cara á celebración dun xuízo que levan esperando 4 anos, como relata Maria José de Pazo, a voceira.

Reciben con satisfacción que a Fiscalía asuma as conclusións, informes, testemuñas e argumentos que eles levan defendendo desde o inicio do proceso.

A Fiscalía solicita a apertura de xuízo oral e pide sexan chamados a declarar os superviventes, Samuel Kwesi e o sobriño do capitán, Eduardo Rial, ademais dos mariñeiros do Praia de Menduíña 2 e Río Caxil que traballaban na zona durante o naufraxio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade