Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Breogán pon contra as cordas o Barcelona, pero acaba perdendo

O Breogán pon contra as cordas o Barcelona, pero acaba perdendo

O equipo galego chegou a manexar 22 puntos de vantaxe no segundo cuarto cun 48-26

O Barcelona reaccionou no último cuarto e acabou gañando por 72-74

G24.gal 07/05/2022 22:09

O Barcelona tiña a excusa da resaca europea e da sufrida clasificación para a Final Four da Euroliga. O certo é que sobre o parqué do Pazo foi barrido durante moitos por un Breogán no que neste treito final da temporada están emerxendo os actores secundarios dun xeito extraordinario. 

Os renovados irmáns Quintela, o base Ubal ou Iván Cruz. Volveron rozar a perfección e deixaron no esquecemento as ausencias de Bell-Haynes e Musa, estrelas do equipo ata o de agora. Porén non chegou para gañarlle ao líder da ACB. 

A primeira metade do partido foi, simplemente, prodixiosa. Comezou o partido igualado pero cando Kalinoski sacou o fusil con dúas triplas seguidas o Breogán colleu a primeira vantaxe (20-14). Unha tripla con adicional de Sergi Quintela no último segundo deulle ao Breo unha máxima vantaxe de once puntos (26-15). 

No segundo cuarto apareceron todos: Ubal, os Quintela e engadiuse Jankovic. Un 2+1 de Iván Cruz puxo o 48-26, máxima vantaxe do partido a pouco de rematar a primeira metade. 

No terceiro cuarto mantívose a dinámica do partido, co Breogán aguantando as diferenzas sempre no entorno dos quince puntos. Ao último cuarto chegábase cun 66-52. A partir de aí emerxeu o gran Barça. Cun parcial de 3-14, con Jokubaitis inspirado e con Jasikevicius mordendo no banco. 

A 2:19 do final o marcador reflictía un 72-70. O Breogán xa non volveu anotar malia ter opcións desde o tiro libre ou tiros liberados. O Barcelona impuxo a súa experiencia para, tiro libre a tiro libre, remontar e acabar gañando por 72-74.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade