Rasir Bolton, reforzo para o posto do base do Breogán que chega procedente do GeVi Napoli italiano
Trátase dun director de xogo anotador e con alta capacidade de pase
Estivo no Spartak Office Shoes serbio durante o curso 2024/2025, onde compartiu equipo co exbreoganista Momirov
Rasir Zias Bolton (Petersburg, Virxinia; 27 de setembro de 1999) convértese na nova incorporación do Río Breogán para a tempada 2026/2027, completando a posición de base do conxunto celeste.
Formado no baloncesto universitario estadounidense nas filas de Penn State, Iowa State e Gonzaga (NCAA), o director de xogo deu o salto a Europa en 2023.
Na súa primeira experiencia no Vello Continente, defendeu a camiseta do Telenet Giants belga, onde asinou unha brillante campaña cuns promedios de 17,8 puntos, 2,9 asistencias e 3,2 rebotes por partido cun 37,2% en triplos, converténdose no segundo máximo anotador da liga belga.
A súa progresión continuou no Spartak Office Shoes serbio durante o curso 2024/2025, onde compartiu equipo co exbreoganista Momirov, achegando 13,4 puntos, 2,2 rebotes e 3 asistencias cun 34,5% en triplos en 28 encontros, chegando a disputar as finais da ABA Liga.
Na pasada tempada (2025/2026), Bolton militou no GeVi Napoli da Lega Basket Serie A italiana, onde consolidou o seu xogo e os seus números con 13,9 puntos, 3,4 rebotes e 4,2 asistencias por choque.
Con 1,90 metros de estatura, Rasir Bolton é un xogador aínda en progresión en Europa e con marxe de crecemento. Trátase dun director de xogo anotador e con alta capacidade de pase. O seu bo físico facúltao, ademais, para ser un xogador sólido tamén en tarefas defensivas e poder axudar ao equipo no rebote.