O BNG non acudirá á xunta de goberno da Deputación de Lugo pola continuidade de Tomé
Os deputados nacionalistas manteñen o boicot mentres José Tomé siga como presidente en funcións
Membros do grupo provincial do BNG, Efren Castro (2e), Iria Castro (2d) e Daniel García (d). EFE/ Eliseo Trigo
O BNG non acudirá este venres á xunta de goberno da Deputación de Lugo pola continuidade de José Tomé á fronte da institución como presidente en funcións.
Tomé mantén o cargo desde o día 12, cando presentou a súa renuncia oficial.
O pleno de cesamento está previsto para o día 30.
Lembramos que o xa expresidente da Deputación, José Tomé, foi denunciado por acoso sexual, unha circunstancia pola que renunciou ao seu cargo.
Tomé dimitiu como presidente da Deputación pero conservou a súa acta de deputado provincial e tampouco deixou a alcaldía de Monforte. El e outros nove concelleiros seguen gobernando como non adscritos.
Retirado un punto sobre a defensa xurídica do presidente
Este xoves presentouse a orde do día da sesión para a súa aprobación. O documento incluía por erro un punto no que se solicitaba aprobar a defensa xurídica de José Tomé.
O Partido Popular cualificou de enésimo despropósito a inclusión deste punto sobre a defensa xurídica de José Tomé.
O PP acusa o PSOE de pretender pagar con fondos da Deputación a defensa do presidente ante denuncias por suposto acoso sexual.
Finalmente, a Deputación retirou este punto.
O PP sostén que a situación confirma que Tomé segue dirixindo a Deputación.
Segundo os populares, tras a súa dimisión no pleno do día 30, continuará como presidente na sombra.