Besteiro defende a xestión do PSdeG no caso de acoso para "sacar do foco" a vítima
Gómez Besteiro expresou no Parlamento"de forma clara e contundente" o "apoio, afecto e solidariedade" do seu partido "a todas as vítimas de acoso, estean onde estean e sexan quen sexa"
O alcalde de Ames pide abrir un proceso de reflexión no PSdeG e tomar decisións importantes: "Cando cometemos un erro en política debemos de pagalo".
Xa son máis de 400 as persoas que asinaron o manifesto contra a xestión do caso Tomé
Xa son máis de 400 as persoas do ámbito do Partido Socialista de Galicia que asinaron o manifesto contra a xestión do "caso Tomé" por parte da dirección encabezada por Gómez Besteiro. Entre eles os expresidente González Laxe e Pérez Touriño, pero tamén moitos alcaldes e alcaldesas, coma Inés Rey, a rexedora da Coruña ou Blas García, o rexedor de Ames.
O alcalde de Ames sostén que "cando cometemos un erro en política, debemos pagalo". Convida así a Besteiro a dar un paso ao lado e abrir un proceso de reflexión no partido e "tomar decisións importantes". García sostén que o líder dos socialistas lle mentiu á "militancia ao decir primeiro que non sabía nada e logo admitir que coñecera do caso no mes de outubro". E afealle que non "fixera nada".
Críticas que chegan de Ames pero tamén da capital de Galicia. As exedís expulsadas do PSdeG por esta dirección verteron esta mañá duras críticas contra Besteiro e contra a secretaria de Organización, Lara Méndez. E pregúntanse se viñeron para isto.
Pero Besteiro fai oídos xordos a estas e outras moitas críticas que dirixentes socialistas verten en privado. Esta mañá no Parlamento enrocouse e defendeu que sempre dixo a verdade. Defendeu a xestión que o seu partido realizou da denuncia interna por acoso sexual contra o exlíder socialista en Lugo José Tomé para "sacar do foco" á vítima, que considera que é "o fundamental".
Gómez Besteiro empezou expresando "de forma clara e contundente" o "apoio, afecto e solidariedade" do seu partido "a todas as vítimas de acoso, estean onde estean e sexan quen sexa" e afirmou que "o acoso e a denuncia non teñen carné político dun só partido".
Nesta mesma liña, establecida onte polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o líder dos socialistas galegos, que non interviña publicamente desde o pasado venres, asegurou que aínda que estes casos non se producen só nun partido, si que o PSOE é "o único que deu un paso adiante na protección contra estes delitos", ao establecer unha canle interna e "deixando fose do foco á vítima".
Desta maneira, respondeu ás críticas do PPdeG no pleno e dixo aos membros deste partido que "deberían estar calados", porque non actuaron igual ante o caso do exconselleiro do Mar Alfonso Villares, quen dimitiu por unha denuncia por agresión sexual, da que si se deu a coñecer a identidade da denunciante.
Gómez Besteiro tamén asegurou que as súas propias afirmacións sobre os feitos relativos ao caso de Tomé foron "atidas á verdade sempre", e buscando "preservar o anonimato da vítima" e, a partir de aí, segue a persecución dos feitos e a denuncia, ben polo mecanismo legal ou polo interno do partido.
Unha "canle de denuncias anónimo" que animou a todos os partidos a implantar aínda que lles poida resultar "doloroso", porque é "un avance na protección de todas as vítimas que sofren acoso"
Ferraz ratifica a lista de socialistas escollidos para dirixir o PSOE da provincia de Lugo, con Lago Lage á cabeza
O PSdeG-PSOE da provincia de Lugo recibiu de forma oficial a conformidade da dirección nacional do partido para a constitución dunha comisión xestora á fronte da organización socialista provincial, tras a dimisión de José Tomé Roca como secretario xeral, despois da crise desatada polas denuncias contra el por acoso sexual.
Desta forma, a Comisión Executiva Federal do PSOE ratifica a proposta realizada o pasado venres pola Comisión Executiva Nacional Galega, que anunciara José Ramón Gómez Besteiro na súa primeira comparecencia tras a dimisión de Tomé. Tal e como se anunciou, a Comisión Xestora estará presidida por Luis Ángel Lago Lage, un militante e dirixente histórico nado en Rábade pero que comezou a súa carreira política no Concello de Cervo na década dos 90. Ocupou diferentes funcións e cargos ao longo dos anos, sendo mesmo coordinador do os socialistas da provincia co cambio de século.
Lago Lage contará con outros membros relevantes do partido. Así, figura na lista a deputada autonómica Patricia Otero Rodríguez e alcaldes como o de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico; Láncara, Darío Antonio Piñeiro, e Xermade, Roberto García Pernas. Tamén foron escollidos a exalcaldesa de Portomarín, Silvia Rodríguez Díaz; os concelleiros Marina Ramudo Graña, de Pol; Ana González Abelleira, de Lugo, e Vicente Parra Vizcaíno, de Quiroga, así como Ana María Hortas Alonso e Miguel Ángel Crende López.
"Mediante esta decisión, o PSdeG-PSOE asegura a estabilidade orgánica do partido na provincia de Lugo e o normal desenvolvemento da súa actividade, garantindo a continuidade do traballo político e institucional no territorio", explican desde a organización socialista. Desde o PSdeG-PSOE de Lugo tamén quixeron manter "unha mensaxe de responsabilidade e compromiso tanto coa militancia como coa cidadanía, reafirmando a determinación de seguir impulsando un proxecto político sólido, útil e orientado ás necesidades da provincia".