Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novo golpe aos roubos con violencia en Ourense

Novo golpe aos roubos con violencia en Ourense

A Garda Civil detivo cinco persoas que presuntamente pertencen a unha banda criminal

A mesma á que lle imputan o asalto a unha vivenda de Lobios que deixou malferido o seu propietario

Cando non podían asaltar casas e negocios, dedicábanse ao cobre

G24.gal 20/06/2025 14:26

A Garda Civil trasladou tres dos detidos na última operación, denominada Sarxento Moreiras. Son cinco en total, un matrimonio de Xinzo e o seu fillo, unha muller de Ourense e un mozo de Arteixo. Impútanlles 3 roubos en vivendas de Xinzo de Limia, outros tres en estancos coma este de Castrelo de Miño, por importe duns cen mil euros en tabaco, e tamén outros roubos con forza en Luíntra e Ribadavia.

Juan José López Castro, capitán da Policía Xudicial da Garda Civil: "Nós cremos que presuntamente é un grupo organizado, toda vez que estaba xerarquizado, era continuo no tempo e a súa finalidade, presuntamente, era cometer feitos delituosos".

A mesma banda á que lle imputan o asalto violento o pasado mes de xaneiro nesta casa de Vilameá, en Lobios. O dono pasou semanas hospitalizado pola malleira que lle deron os asaltantes, agora en prisión. A cada un dos detidos atribúenlle un rol na organización criminal.

Juan José López Castro, capitán da Policía Xudicial da Garda Civil: "Unhas persoas daban a información dos roubos: persoa á que tiñan que roubar, a vivenda, datos incluso da súa capacidade económica. Outros eran os que se encargaban dos labores loxísticos de traslado, de ocultación... e outros executaban os roubos".

Outra das actividades ilícitas que lles imputan a catro dos detidos é o roubo de cobre. Neste caso a investigación iniciouna o Seprona, a raíz dun incendio forestal provocado pola queima de cable telefónico no Pereiro de Aguiar. Fano para limpar o cobre, e que adquira máis valor no mercado negro.

Rodrigo Ermida Sampaio, axente do Seprona: "Que pasa? Que o fan sen respectar ningunha medida de incendios forestais nin nada. Botaron un acelerante por riba da pila de cobre -podía haber uns dez mil euros esa noite-, prendéronlle lume e abandonaron o lugar".

Os últimos detidos quedaron en liberdade con cargos tras declarar no xulgado de Xinzo, pero a operación segue aberta. Investigan outros roubos e asaltos que poderían derivar en novas detencións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade