Publicador de contidos

Publicador de contidos

Calviño propón limitar salarios e beneficios empresariais para controlar a inflación

Calviño propón limitar salarios e beneficios empresariais para controlar a inflación

Os sindicatos, a favor do pacto de rendas se todos achegan algo

A patronal non quixo comentar a proposta da ministra

G24.gal 06/07/2022 20:10 Última actualización 06/07/2022 23:12

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos Nadia Calviño pediu aos axentes sociais que negocien un pacto de rendas a tres anos, no que moderen as marxes empresariais e as subidas salariais e que incluirá unha alza do salario mínimo interprofesional (SMI).

O obxectivo é conter o impacto da inflación no crecemento económico e a creación de emprego.

"Neste momento é esencial que as marxes empresariais non se amplíen e que os salarios crezan de maneira moderada", dixo Calviño.

Así, asegurou que na reunión expresou aos axentes sociais "a absoluta vontade de traballar con eles aquelas medidas que poidan facilitar o pacto de rendas"; hai uns meses, o Goberno circunscribiuno a un acordo salarial entre patronal e sindicatos que non puido ser pechado ao non se poñeren de acordo.

Esta reunión "reactiva un proceso de todos os axentes sociais que o Goberno vai impulsar con miras a ese importante pacto de rendas", que comezará a negociarse inmediatamente e que incluiría unha nova subida do salario mínimo interprofesional (SMI).

Así, Calviño sinalou, en liña co compromiso de alcanzar o 60 % do salario medio: "Imos subir o SMI e espero que esta decisión forme parte do pacto de rendas".

Ademais, a vicepresidenta primeira explicou que a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica convocará proximamente os axentes sociais para abordaren o plan de continxencia no ámbito enerxético ante un posible empeoramento da situación da enerxía.

Os sindicatos, a favor do pacto de rendas se todos achegan algo

CCOO e UXT mostráronse dispostos a negociar un pacto de rendas, se non se centra exclusivamente na contención salarial e todas as partes achegan algo, incluídas medidas fiscais sobre os beneficios empresariais e a subida do salario mínimo interprofesional (SMI).

En conferencia de prensa tras a reunión do Goberno cos axentes sociais, a secretaria de Acción Sindical de CCOO Mari Cruz Vicente asegurou que é importante gravar os beneficios extraordinarios que están a obter as empresas para axudar a quen non chegan a final de mes.

Segundo dixo, as empresas están a obter beneficios extraordinarios de trasladar aos prezos finais todo o incremento do custo da enerxía, mentres que os salarios están a subir de forma moderada.

O vicesecretario xeral de Política Sindical de UXT Mariano Hoya destacou que os salarios pactados en convenio colectivo están a incrementarse de media un 2,4 % aínda que recoñeceu que moitos están a incluír cláusulas de "recuperación ou actualización" salarial.

As cláusulas de garantía salarial foron o elemento discordante que impediu a principios de maio un acordo entre sindicatos e patronal, xa que para CCOO e UXT eran imprescindibles, mentres que para a CEOE eran inadmisibles.

Ambos os líderes sindicais non concretaron se estarían dispostos a facer algunha clase de concesión neste sentido cando se reabra a negociación en setembro, aínda menos sen coñecer polo de agora as propostas concretas que poderían formar parte dese pacto de rendas.

Vicente confiou en que o Goberno "sexa capaz" de poñer encima da mesa "as medidas que o país necesita", para poder "ir negociando e encaixando as pezas".

Ningún representante da patronal CEOE-Cepeme saíu en rolda de prensa a avaliar a reunión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade