Morre unha octoxenaria que saíu da vía e colidiu co seu coche contra unha igrexa en Silleda
O sinistro tivo lugar pasadas as seis da tarde na estrada EP-6504, que une Negreiros e Carboeiro
Pasaban as seis e media da tarde cando un particular alertaba o 112 do accidente. Un vehículo batera contra a escaleira da igrexa de Negreiros despois de saír da vía. No seu interior viaxaba soa unha muller de 83 anos.
"O que chamou xa dixo desde o primeiro momento que parecía que estaba morta. Algo lle pasou, porque o golpe non parece tan forte", di un veciño.
Cando os servizos de emerxencias chegaron só puideron certificar a morte da condutora. O seu corpo quedara atrapado no interior do vehículo e os bombeiros de Silleda tiveron que liberala.
"A consecuencia do impacto frontal a porta quedou deformada e tivemos que sacar o corpo con medios hidráulicos", explica Juan José Muñoz Iglesias, xefe de servizo do Consorcio de Bombeiros do Deza Tabeirós.
A vítima era veciña de Breixa, unha parroquia situada a moi pouca distancia do lugar do sinistro. Viaxaba en dirección Silleda e, por motivos que se investigan, perdeu o control do vehículo nesta curva.
"Especúlase que puido ter unha indisposición porque viña dunha recta longa sen perigo ningún e polo que sexa fixo recta a curva que hai xusto antes da igrexa", engade o bombeiro.
"Non hai pegadas de freada nin pasaban máis coches. Algo lle pasou, ou igual un descoido, tamén é certo que chovía", di un veciño.
Mentres se esclarecen as causas exactas do accidente, os veciños lamentan a perda da muller, moi coñecida e querida nesta parroquia de Silleda.