O Sergas pecha 2025 con maiores listas de espera malia aumentar consultas e cirurxías
O conselleiro culpa a folga de facultativos de decembro do empeoramento en tempos de espera e destaca o aumento de actividade
Os galegos esperan case 100 días de media para unha proba diagnóstica, 10 máis ca o ano anterior, malia aumentar as consultas
Os datos asistenciais correspondentes ao ano pasado en Galicia indican un novo máximo histórico en cirurxías
Os datos asistenciais correspondentes ao ano pasado en Galicia evidencian un incremento da actividade, cun novo máximo histórico en cirurxías, así como un aumento xeneralizado dos tempos de espera medios tanto para operarse como para unha primeira consulta ou para unha proba diagnóstica, neste último caso cunha espera media de case 100 días.
En concreto, a espera media para operarse en Galicia ao peche de 2025 era de 72,8 días, 5,7 días por encima do ano anterior. A espera para unha primeira consulta de especialista, pola súa banda, sitúase en 62,6 días de media, 1,8 días máis; e a espera para probas diagnósticas crece 10,5 días, ata os 97,8 días.
Así o reflicten os datos das listas de espera que se presentaron este xoves no edificio do Sergas en Santiago de Compostela, e que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, vinculou á folga de facultativos polo estatuto marco que afectou os hospitais galegos no mes de decembro e que, previsiblemente, seguirá tendo influencia este ano.
"A evolución estivo moi condicionada polas xornadas de folga do último tramo do ano", dixo Caamaño, apuntando que, se se teñen en conta os datos ao 30 de novembro, "a tendencia era boa".
Mil cirurxías suspendidas pola folga e outras sen programar
Os paros de decembro, dixo o conselleiro, supuxeron máis de 1.000 intervencións cirúrxicas suspendidas, "sen contar as que deixaron de programarse" por este motivo. "A folga polo estatuto marco ten un clarísimo impacto nos pacientes e nos tempos de espera", dixo Gómez Caamaño, que admitiu que é unha cuestión "que non podemos obviar" e que lles "preocupa moito".
Por ese motivo, fixo un "chamamento á responsabilidade da ministra" de Sanidade, para que "escoite e chegue a acordos cos médicos" e que "este impacto negativo das folgas pase canto antes".
Máximo histórico en cirurxías
Segundo o informe, o pasado ano realizáronse nos quirófanos do Sergas 207.409 intervencións, un 1,3% máis que o ano anterior, o que supuxo un "novo máximo histórico", xa alcanzado tamén o pasado exercicio. O ano 2024 e o 2025 son os únicos da serie histórica con máis de 200.000 intervencións cirúrxicas.
Con todo, tamén se incrementaron os tempos de espera. En concreto, ao 31 de decembro os galegos esperaban 72,8 días de media para operarse, 5,7 días máis que un ano antes, e 2025 pechouse con 49.554 pacientes esperando unha intervención quirúgica, 1.219 máis que hai un ano.
Por prioridades, todas experimentan un incremento nos tempos de espera cirúrxica. Concretamente, os pacientes de prioridade 1 esperan 3,1 días máis de media, ata os 20,2, aínda que as cifras mantéñense dentro dos estándares esixidos. Os pacientes de prioridade 2 esperan 6 días máis, ata os 72,9 de media; e os de prioridade 3 agardan 75,7 días de media por unha operación, 5,8 días máis que os datos do ano anterior.
Tamén soben os pacientes que levan máis de seis meses esperando unha intervención cirúrxica: son 2.810, o 5,7% do total. Hai un ano, este grupo supoñía o 3,9% do total de pacientes esperando unha intervención.
En canto á idade, en 2025 realizáronse algo máis de 98.000 intervencións cirúrxicas a maiores de 65 anos -un 2,3% máis que o ano anterior-. Algo máis de 4.000 destas intervencións eran a persoas maiores de 90 anos.
Consultas
En 2025, os hospitais galegos realizaron case cinco millóns de consultas externas, 77.455 máis que o ano anterior, das que a inmensa maioría (case 4,4 millóns) foron presenciais.
O tempo medio de espera para unha primeira consulta foi de 62,6 días, 1,8 días máis que 12 meses antes, e o ano pechouse con 205.248 pacientes en espera, 8.981 máis que o ano anterior. Segundo o informe, o 41 % destes pacientes levan esperando máis de 60 días por unha primeira consulta de especialista.
Con todo, os peores datos a nivel global son os de espera para a realización de probas diagnósticas: 97,8 días de media ao 31 de decembro de 2025, 10,5 días máis que un ano antes.
Os centros hospitalarios galegos realizaron 3,7 millóns de probas diagnósticas ao longo do ano pasado, un 2,8 % máis ca o ano anterior, o que supón algo máis de 100.000 probas adicionais. Entre os servizos que máis incrementaron o seu número de probas, están os TAC, os estudos de radioloxía ou as endoscopias.
Ao 31 de decembro había en Galicia 123.947 pacientes en espera dunha proba diagnóstica, 10.341 máis ca un ano antes.
Récord de vías rápidas oncolóxicas
As vías rápidas oncolóxicas do Sergas rexistraron o ano pasado tamén un "récord histórico" de 27.254 consultas, 1.862 máis ca o ano anterior, o que supón un incremento por encima do 7 %. Entre as vías que máis creceron están a do cancro de colon e a do cancro de endometrio -18,8 % máis de consultas- e a de cancro de próstata -14,5% máis de consultas-.
En canto aos tempos medios de espera, situouse, a modo global, en 5,6 días, 0,2 por baixo dos datos do ano anterior. Os pacientes en espera, con todo, incrementáronse, de 356 a 460.
A vía rápida con máis espera é a de cancro oncohematolóxico, con 6,3 días -2,3 máis- e a que ten menos agarda é a de melanoma, con dous días -5,5 menos ca o ano anterior-. Destaca tamén a diminución de tempo de espera da vía rápida de cancro de endometrio, 3,6 días menos, ata os 5,8.
Así mesmo, o Sergas tamén bateu outro récord no número de pacientes beneficiados pola Lei de garantías de tempos máximos, con preto de 62.000 enfermos atendidos e superando, por primeira vez, os 60.000 actos asistenciais garantidos nun ano. Deles, algo máis de 26.000 foron consultas externas, 23.391 probas diagnósticas e 12.549 actos cirúrxicos.