Xa se pode descargar o Bono Comercio
Cada persoa poderá obter un único bono, que terá un desconto de 30 euros para compras nos establecementos adheridos
A Xunta activa unha nova edición dos bonos Activa Comercio, que poden descargarse desde as 09:00 horas deste mércores, cinco de novembro. Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos.
Tal e como se expón no Diario Oficial de Galicia, a segunda edición conta con 2,5 millóns de euros. Con todo, o orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa, de acordo coa dispoñibilidade de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias.
En concreto, cada bono terá un desconto de 30 euros nos establecementos adheridos e poderase descargar a través da web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Poderán ser beneficiarias as persoas físicas maiores de idade e residentes na comunidade autónoma, adquirindo un único bono por persoa. Neste sentido, non se limitará o número de usuarios que poden descargalos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Con respecto á devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un bono sen caducidade polo importe correspondente. O comerciante non poderá aboar á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito. A validez dos bonos estenderase ata que o importe total dos descontos realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 euros.
Prevé mobilizar 8,5 millóns en compras
A finalidade dos bonos é continuar estimulando a demanda das persoas consumidoras e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio retallista. Así, o Goberno galego prevé mobilizar un mínimo de 8,5 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade.
Como novidade, expresou o presidente da Xunta Alfonso Rueda, os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, celebrada en xuño, co obxectivo de gañar en axilidade en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. En todo caso, sinala que, se algún comercio non se sumou e quere facelo agora, ten de prazo aínda ata o 15 de decembro ou ata que finalice o crédito desta última edición.