Artigos de confección e roupa de dentro dignos dun museo
Unha tenda de Lugo leva aberta desde hai 70 anos e conserva a esencia dun negocio tradicional no que os clientes xa son coñecidos
En Confeccións García, unha tenda de Lugo, conservan botóns de loito e roupa de baixo de cando abriu o negocio, hai máis de setenta anos. Situado no casco histórico de Lugo forma parte da evolución da cidade. Vai xa pola terceira xeración.
Podemos atopar tesoiras de xastre, pezas interiores e fíos que falan dun tempo pasado no que a roupa se facía a medida e a confección era un primor. A neta dos fundadores valora este material, que ben podería integrar un futuro museo.
"Hai artigos dos anos 40, que foi cando abrimos... as faixas tubulares... Cos meus avós aquí facíanse as batas de traballos, comezaron a facerse camisas.... Todos eses artigos conservámolos. O que me parece importante é facelo de xeito que non se estraguen. E se se puideran expoñer, facendo, digamos, un pequeno museo, estaría fenomenal", explica Isabel Somoza, neta dos fundadores.
Son artigos que falan doutra época e que merecen trascender pola historia que atesoran. A tenda mantén a esencia dun comercio tradicional.
Mantense aberta e adaptada aos tempos. O futuro pasa por adecuarse ás necesidades duns clientes que xa van pola terceira xeración.