Ideas para ensaladas saborosas e nutritivas
Nunha ensalada non hai mesturas prohibidas, pero si unha regra nutricional para convertela nun prato único, saciante e nutritivo: ten que levar proteína
Primavera e calor piden comidas máis frescas, menos copiosas e con menos graxas. As ensaladas son as mellores aliadas. Combinar os ingredientes que nos gusten, sen que falte a proteína, animal ou vexetal, e desbotar prexuízos canto a sabores e texturas. Con iso, a ensalada perfecta é cuestión de imaxinación.
Desde que empezaron os días de calor, Ana non para de reencher ocos na súa froiteiría, sobre todo, de vexetais para comer crus en ensalada.
"Nótase moito cando fai caloriña que demandan máis a leituga, tomates, aguacates, si que se nota. A lisa, a riza e a de carballo mestúranas normalmente", di Ana Gesto, da froitería Tómate más Fruta.
Fóra da clásica de leituga, tomate e cebola, nunha ensalada cabe de todo. Non hai mesturas prohibidas, pero si unha regra nutricional para convertela nun prato único, saciante e nutritivo: ten que levar proteína, animal ou vexetal.
"Os garavanzos si (substitúen a proteína animal) porque é proteína completa; as lentellas, non. Por iso unha combinación moi boa de ensalada que non ten por que ser verde sempre, pode ser de arroz con lentellas porque os nutrientes que non ten un teno o outro", engade Fernando Casal, nutricionista e dietista Stellae Nutrición.
A de arroz con lentellas é xustamente unha das que máis sas neste restaurante especializado en comida saudable no que empezan a notar máis ensaladas nos pedidos e recomendan xogar cos sabores e texturas.
"As que máis gustan son as de espinacas con queixo de cabra, améndoa e mazá, a de ibéricos, sen ser vexetal, e a de arroz con lentella cocida".
"Que proben sabores novos, combinacións diferentes, unha ensalada cunha froita asada", di Cristina Vázquez, do restaurante La Alacena de Cris.
Os aderezos tamén poden ser nutritivos aínda que escollendo ben os ingredientes.
"Con cacahuete, con crema de cacahuete, é un recurso que gusta, ou soia, salsa de soia, vinagreta con soia" suxire Fernando Casal, nutricionista e dietista Stellae Nutrición.
Se son procesados, hai que mirar sempre os ingredientes.
Así que para crear a ensalada perfecta, menos prexuízos e máis imaxinación.