O Ministerio advirte contra o uso indebido do Bono Cultural ao saber que se emprega para entrar en discotecas
O Ministerio advirte contra o uso indebido do Bono Cultural ao saber que se emprega para entrar en discotecas
Un local de Madrid presume nas redes sociais de que o bono serve para saír de marcha, algo que confirman mozos galegos
É a axuda de catrocentos euros que poden pedir os mozos ao faceren os dezaoito anos
Só se pode utilizar en produtos e servizos que teñan realmente contido cultural
O Ministerio de Cultura viuse obrigado a lembrar que está prohíbido usar o Bono Cultural para xente nova en actividades diferentes ao considerado "cultura". A polémica físoxe viral despois de que unha coñecida discoteca de Alcorcón presumise en redes sociais de que se podía usar o bono para entrar no local.
Nun vídeo que circula na Internet vemos como na porta atenden un grupo de mozos preguntándolles se teñen o bono. Logo, o encargado que lles vendía as entradas di que así se demostra que a axuda pública pode usarse, tamén, para acceder a este tipo de establecementos de ocio.
"É doado. Tedes todos o Bono Cultural?", escóitaselle dicir ao encargado da discoteca. "Si, si", contestan os adolescentes.
"Pódense pagar entradas de discotecas e reservados, sei de xente que o fai", asegura un mozo en Vigo.
"Eu non o uso para iso. Só para concertos e para ir ao cine", completa outro usuario do bono.
O Bono Cultural é a achega de catrocentos euros que poden pedir as mozas e os mozos que fagan os dezaoito anos. É unha axuda prepagada que logo poden gastar en tres tipos de contidos: produtos físicos (libros ou discos, por exemplo), consumo dixital (subscricións a plataformas, prensa en liña, audiolibros...) e artes en vivo (entradas para o cine, exposicións, música en directo, etc). É dicir, que se pode usar para bailar ao son da música, pero se se trata dun concerto.
"Moitas veces queren mercar dispositivos: auriculares, teclados, ratos... E non pode ser", explica Placeres Briones, a encargada da tenda de FNAC en Vigo, un establecemento que participa na campaña do Ministerio.
"Eu useino para mercar libros ou algunha tarxeta de Netflix", conta outro mozo.
"Á miña moza gústanlle os libros e uso o bono para mercarlle algún", engade outro adolescente.
Na páxina web do Ministerio xa se pode ler que o Bono Cultural pode ser bloqueado se se detecta un uso indebido. Cultura tamén advirte que as empresas que o permitan serán penalizadas.