Desde o luns pode solicitarse o bono Concilia para pagar campamentos ou coidadores
Poden beneficiarse as familias con fillos de ata 13 anos nas que os dous proxenitores traballen
A novidade: cobre o 100% do servizo no caso de familias monoparentais, numerosas, acolledoras, con garda con fins adoptivos, con fillos con discapacidade ou vítimas de violencia de xénero
Ofrece achegas de ata 500 euros para contratar unha persoa a domicilio ou de 200 por persoa para sufragar recursos e servizos como ludotecas, campamentos ou espazos de lecer para nenos
O bono Concilia Familia da Xunta poderá solicitarse desde este luns. Como publica este xoves o Diario Oficial de Galicia (DOG), o programa de axudas está pensado para que os pais e as nais que traballan poidan atender ás súas necesidades de conciliación de carácter puntual, como enfermidades ou cuestións laborais, ou durante os períodos de vacacións escolares.
En 2024, este bono chegou a máis de 15.000 familias galegas. A Xunta inviste máis de 2,5 millóns de euros nesta nova convocatoria, que estará aberta ata o próximo 7 de outubro.
Contía económica
O programa ofrece achegas de ata 500 euros para contratar unha persoa a domicilio, ou de 200 euros por persoa para sufragar recursos e servizos como ludotecas, campamentos ou espazos de lecer para nenos.
A axuda cobre un máximo do 75% do servizo abonado pola familia.
Como novidade o Bono pasará a cubrir o 100% do custo do servizo no caso de familias numerosas, monoparentais, acolledoras, con garda con fins adoptivos, nas que un ou varios fillos conviventes teñan unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% ou familias vítimas de violencia de xénero.
Actividades cubertas
Este bono pode utilizarse nos seguintes casos:
-Períodos de vacacións escolares.
-Enfermidades do pequeno/a e imposibilidade de ser coidado polos membros da unidade familiar.
-Enfermidade do coidador habitual. Situacións puntuais de carácter laboral ou de formación.
-Situacións puntuais de coidado a familiares de ata 2º grao de parentesco.
As familias teñen que cumprir os seguintes requisitos para solicitar o bono: residir en Galicia, ter un fillo ou filla de entre 4 e 13 anos e que os dous proxenitores traballen no período solicitado, ou no caso de familias monoparentais.