O café, cada vez máis caro
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, nos últimos catro anos subiu un 136 %
O café converteuse na bebida que máis encareceu no ano 2025. Son datos do INE, o Instituto Nacional de Estatística, que sitúa o café como a bebida que máis presión mete á alza na cesta da compra. Existe un desequilibrio entre oferta e demanda motivado, entre outras razóns, polo cambio climático: condicións climáticas adversas que reducen a produción.
Ante unha demanda máis alta que a oferta hai cafeteiros como Xacobe Abeijón, barista e propietario de Shot Me Coffee, en Santiago de Compostela que opta por "defender a máis alta calidade que pode haber" e engade que "xa trataron de introducir os cambios de prezo desde que abriron o negocio a través de moita comunicación".
En catro anos o prezo do café, segundo o Instituto Nacional de Estatística, subiu un 136 %. E semella que a cousa non vai mellorar, porque non hai previsión dunha baixada a curto prazo.