Os negocios en familia, un activo esencial para o tecido empresarial galego
No seu 25 aniversario, a Asociación Galega de Empresas Familiares sinala que o 82% do emprego privado da comunidade pertence a este tipo de compañías
As xemelgas Siyi e Sixing chegaron a España dende a China hai 17 anos. Tras pasar por diversos puntos do territorio nacional instaláronse en Galicia, concretamente en Pontevedra, hai 15.
Alí estudaron o bacharelato artístico para despois formarse na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago. E no 2021 fundaron "TUUINX", unha marca de moda artesanal e sostible que foi crecendo até abrir o seu taller en 2023.
"En principio facíamos cousas na casa, como coleccións moi pequeniñas, tamén aprendimos das costureiras, coñecendo un pouco o sector téxtil. E no 23, en setembro, abrimos este taller para traballar mais en serio, para sacar coleccións mais completas", comenta Siyi Xu, copropietaria de "TUUINX" .
Segundo contan as súas propietarias, o proxecto naceu do seu gusto polas artes e pola moda. Precisamente na roupa, os complementos e outros artículos como vaixelas, atoparon o lenzo perfecto para expresarse e mesmo contar historias.
Ao tempo, "TUUINX" ten como obxectivo ofrecer o contrario á fast fashion presente na maioría de grandes tendas da actualidade: prendas feitas á man que apostan pola singularidade e a sostibilidade como principais valores.
"Queremos facer unha marca con roupa que sexa duradeira, que teña a súa propia personalidade e que conte unha historia. Como nos gustaba a arte e nos encantaban as manualidades, para nos a artesanía é a mellor forma de trasladar iso á moda", di Siyi.
"Das coleccións facemos moi poucas pezas ou pezas únicas. Despois, cos tecidos, cos retais de teas que sobran, facemos complementos únicos ou baixo encargo", engade a súa irmá Sixing.
Ademais de ter moi clara a súa identidade como marca, Siyi e Sixing aseguran ter aprendido moito nos 4 anos de historia de "TUUINX". Como unha das principais aprendizaxes, deixan claro un dos aspectos esenciais para a desenvolver un negocio familiar como o seu: darse a coñecer nas feiras locais e aprender doutras empresas do sector.
"Imos a diferentes cidades de Galicia como Vigo, estivemos en Tui, aquí en Santiago... para dar a coñecer á marca e colaborar cos diferentes profesionais ou artesán. Para nos está moi ben estar conectadas con eles porque teñen moita experiencia e cada día aprendemos moito deles", conclúe Siyi.