As froitas e as verduras soben de prezo
Os limóns, as peras conferencia e as mazás golden, os produtos que máis encareceron este mes de xullo
A suba débese, segundo comentan, a que remata a temporada de aquí e teñen que traer o produto de fóra
Segundo a organización de consumidores son varias as froitas e verduras que subiron notablemente de prezo neste mes de xullo. Os limóns, xunto coas peras conferencia e as mazás golden, son os produtos que máis encareceron. A xente tamén resalta os plátanos.
"Non é iso só, subiu todo. Os cartos cada vez chegan a menos, pero hai que estiralos, non queda outra", comenta unha persoa.
A solución da xente? Optar por outras opcións ou consumir menos cantidade desa clase de produto. Pero, a que se debe esta suba?
"Acábase xa o que é a temporada de aquí e, entón, agora veñen de fóra. Ao vir de fóra, ten outro custo", asegura Almudena Vega, froiteira.
Pola outra banda, o aceite de oliva segue a ser o produto que máis baixa respecto ao ano anterior.
"Home, baixou case un 50 %", afirma un cliente.
"As cousas é coma sempre. Todo sobe ao tolo e despois baixa a contagotas e nunca volve ao prezo ao que estaba", comenta outra persoa.