Novos cortes de tráfico na A-6 en abril por obras nos túneles da contorna de Pedrafita
Habilitaranse desvíos pola estrada N-6
O primeiro dos peches será no túnel de Cereixal entre a noite do 6 de abril e a mañá do día 9
Arquivo
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible anunciou nun comunicado que se realizarán durante este mes de abril novas actuacións de mellora nos túneles da A-6 ao seu paso pola contorna do porto de Pedrafita, uns traballos que afectarán á conexión entre Galicia e a comarca do Bierzo.
As obras obrigarán a realizar cortes puntuais de tráfico en ambos os sentidos da autovía, con desvíos habilitados pola estrada N-6, que transcorre en paralelo e xa foi sinalizada como itinerario alternativo.
Inmvestimento de 24,7 millóns de euros
Estas actuacións forman parte dun proxecto global de modernización de varios túneles situados tanto na provincia de Lugo como en León, entre eles os de Trabadelo, A Escrita e Villafranca del Bierzo, cun investimento total de 24,7 millóns de euros, financiados en gran parte con fondos europeos.
Nesta fase, os traballos centraranse especialmente na renovación de instalacións eléctricas nos túneles de Cereixal, Doncos e San Pedro, na vertente galega, que serán os primeiros en intesvirse.
Calendario de cortes
O calendario de afeccións comezará co peche do túnel de Cereixal entre a noite do 6 de abril e a mañá do día 9, ao que se sumará un corte nocturno adicional esa mesma semana.
Posteriormente, o túnel de Doncos permanecerá pechado entre o 20 e o 22 de abril, mentres que o de San Pedro rexistrará cortes entre o 27 e o 29, alén de restricións nocturnas ata o día 30.
O Ministerio enmarca estas obras dentro dun plan máis amplo para mellorar a seguridade e eficiencia dos túneles do corredor noroeste, que inclúe tamén a actualización de sistemas como a ventilación ou o control de instalacións.
Con iso, búscase adaptar estas infraestruturas aos estándares actuais e mellorar a circulación nun eixo estratéxico que conecta Castela e León con Galicia.