Ribadavia e Carballeda de Avia estudan crear un concello de máis de 6.200 habitantes
A unión permitiría gañar capacidade económica e mellorar servizos
A fusión deberá contar co apoio dos dous plenos e da Xunta de Galicia
Mellorar os servizos, acceder a máis financiamento e gañar capacidade de xestión. Son os obxectivos da posible fusión que estudan Ribadavia e Carballeda de Avia, dous concellos que suman máis de 6.200 habitantes.
Luis Milia, alcalde de Carballeda de Avia, xustifica a unión para que os veciños manteñan os mesmos servizos e melloren a súa calidade de vida. "Non temos transporte. Antes no concello tiñamos comercios de roupa e calzado e hoxe non hai nada. Os veciños teñen que ir a Ribadavia"
As conversas atópanse aínda nunha fase inicial. Se o proceso segue adiante, os dous municipios pasarían a constituír un único concello, cun só alcalde, unha única corporación municipal e un orzamento común, aínda que as parroquias manterían a súa identidade.
Unha veciña aposta pola fusión coa intencionalidade de “gañar servizos e que a cousa vaia a mellor”
Outra veciña di “que opine toda a comarca, que están eles tamén”
César Fernández, alcalde de Ribadavia, defende “a fusión municipal é unha maneira de aumentar a poboación e aumentar os recursos que chegan ao concello, aumentar a capacidade inversora do concello e ten tamén a capacidade de permetirnos desenvolver proxectos estratéxicos que doutro xeito non sería posible desenvlver por separado.”
A posible fusión aínda deberá superar un longo proceso administrativo e contar coa aprobación dos dous plenos municipais e da Xunta. De materializarse, sería a terceira unión de concellos que culmina en Galicia desde a restauración da democracia.