Os alcaldes de Ribadavia (PP) e Carballeda de Avia (PSdeG) avogan pola fusión dos seus concellos
Os rexedores están repartindo un folleto entre os veciños explicando as vantaxes que tería a unión dos dous municipios
A unión dos dous territorios formaría un concello con máis de 6.000 habitantes
Para os alcaldes de Ribadavia e de Carballeda de Avia, a fusión dos dous concellos é mesmo unha cuestión de supervivencia, debido ao despoboamento que sofre a comarca do Ribeiro.
O rexedor de Carballeda de Avia, o socialista Luis Milia, recorda que máis do 45 % das casas do municipio están baleiras. "Pódense aproveitar, comprar ou alugar, pero o primeiro que che preguntan é se temos servizos que ofrecerlle", dixo en conferencia de prensa.
Xuntos formarían un concello de máis de 6.000 habitantes e así poderían recibir máis fondos, tanto do Estado como da Xunta, para mellorar os seus servizos públicos.
Para César Fernández, alcalde popular de Ribadavia, o obxectivo é "ser máis fortes para prestar mellores servizos aos veciños e veciñas". Na súa opinión, nin Carballeda de Avia nin Ribadavia perderían a súa identidade se chegan a fusionarse.
En Ribadavia a idea parece que gusta entre os veciños, pero en Carballeda ven a proposta con receo. Mesmo montaron unha plataforma en contra da fusión. Ao seren menos, temen saír perdendo coa unión.
O seu alcalde négao. Luis Milia insiste en que "os servizos quedan os mesmos, e vanse aumentar". O rexedor asegura que o centro de saúde vai continuar, "incluso cun médico máis" e o colexio tamén vai seguir "como está".
A maiores, os alcaldes propoñen transporte público gratuíto entre as dúas localidades e un parque empresarial en Carballeda. Así o contan no folleto informativo que están repartindo entre os veciños.
"No momento en que sintamos ese apoio da cidadanía, ese sería o momento ideal para comezar", apunta César Fernández sobre os próximos pasos a dar.
De completarse, sería a terceira fusión en Galicia nas últimas décadas, tras a de Oza Cesuras e a de Cerdedo Cotabade.